SOSTIBILIDADE

María Pardo reitera a determinación do Goberno municipal para impulsar medidas de eficiencia enerxética

07/11/2013 O edificio Cersia acolle o II Congreso Galego de Xestores Enerxéticos. A concelleira de Sostibilidade, María Pardo, que participou no acto inaugural da xornada, deu conta da determinación do Concello de Santiago por impulsar medidas de eficiencia enerxética como estratexia para unha xestión máis eficaz dos recursos públicos e de mellora da calidade de vida dos cidadáns.

Segundo indicou María Pardo, nos últimos dous anos, o Concello iniciou unha aposta decidida pola sostibilidade, creando unha Comisión de Coordinación presidida pola propia edil, para lograr que todas as políticas impulsadas dende a Administración Local sexan sostibles, e unha Oficina Técnica multidisciplinar, responsable de garantir a execución de proxectos sostibles. Neste marco, púxose especial énfase na mellora da eficiencia enerxética das instalacións municipais e no impulso das certificacións ambientais.

"Durante 2013 iniciamos diversos programas neste sentido, o Concello integrouse na Rede Española de Cidades Intelixentes, subscribimos o Pacto dos Alcaldes -co compromiso de reducir nun 20% as emisións de CO2 antes de 2020- e constituímos como socio fundador a Rede CIVITAS, enfocada á mobilidade sostible, ao aforro enerxético e á redución de emisións", apuntou.

María Pardo tamén se referiu á elaboración dun Plan Director de Eficiencia Enerxética para Santiago, proporcionando un instrumento de xestión para avanzar cara a unha cidade intelixente, e á participamos nos proxectos europeos para a eficiencia enerxética das cidades PLEEC (Planning for efficiency energy city) e EFFESUS, que estudan a aplicación de novas tecnoloxías para mellorar a eficiencia enerxética, con ampla participación de universidades e outras institucións.
Anunciou igualmente a licitación dun novo contrato de mantemento e subministración eléctrica que esixirá unha renovación tecnolóxica das luminarias da cidade, proporcionando importantes aforros e redución da pegada de carbono.

"Impulsamos dúas auditorías enerxéticas, que abranguen a iluminación pública e os edificios municipais. E aplicaremos esta mesma premisa a outros servizos públicos, como a xestión dos parques urbanos. Sen ir máis lonxe, a reforma do parque do terreo do Espiño será un exemplo de paisaxismo sostible e enerxeticamente eficiente", concluíu.

Compartir: