CENTROS SOCIOCULTURAIS

Centros Socioculturais e Ditea homenaxean ao director compostelán Agustín Magán

06/11/2013 O alcalde, Ángel Currás, e o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, asistiron ao acto de homenaxe ao actor e director teatral Agustín Magán (1918-1998) na sala que leva o seu nome no Centro Sociocultural de Santa Marta. Esta cerimonia forma parte da Semana Agustín Magán, que se celebra ata o 9 de novembro.

O acto foi un recoñecemento público ao labor do dramaturgo compostelán Agustín Magán e unha lembranza a cargo dos seus descendentes e compañeiros en Ditea. Falaron os seus fillos, proxectouse un vídeo e quedou inaugurada oficialmente a Sala Agustín Magán.

Con motivo desta homenaxe, abriruse tamén a exposición O mundo de Ditea, que amosará a traxectoria desta compañía ata o 4 de decembro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas (de martes a sábado) no propio CSC de Santa Marta.

Obradoiros, mesa redonda e teatro
A programación inclúe tamén un obradoiro para nenos e nenas en torno á figura de Agustín Magán e a historia de Ditea, titulado Maganenos!. Realízase no horario de apertura da aula de xogo (17:00 a 20:30 horas). Xa houbo dúas sesións e aínda queda outra para o venres 8 de novembro.

O sábado 9 de novembro, ás 12:30 horas, celebrarase unha mesa redonda titulada 50 anos de teatro non son nada. Contos, anécdotas e historias. Participarán: Alberto Álvarez, José Rey, Ramón Valiño, José A. De la Fuente, Manuel Amenedo, Lucrecia Carril e Martina Martínez, actores e directivos de Ditea nas distintas etapas da compañía.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, a Sala Agustín Magán acollerá a representación a cargo de Ditea de Acto imprevisto, de Miguel Gallego.

A Concellería de Centros Socioculturais e Ditea veñen de colaborar recentemente no Ciclo de Teatro Fegatea, que programou en diversos centros socioculturais representacións con moi boa acollida. Coa organización desta Semana Agustín Magán refórzanse os lazos de colaboración e o apoio ao Teatro afeccionado, un dos obxectivos de traballo do Departamento de Centros Socioculturais, especialmente dende que se conta co equipamento do CSC de Santa Marta.

Compartir: