FACENDA

Os contribuíntes teñen ata o 28 de febreiro para solicitar o pagamento en tres prazos do IBI no exercicio 2104

06/11/2013 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, animou os composteláns a acudir á Oficina de Atención ao Contribuínte a solicitar o fraccionamento do pago do Imposto de Bens Inmobles. Para que este pagamento en tres prazos sexa efectivo no recibo de 2014, os contribuíntes teñen de prazo para solicitalo antes do 28 de febreiro.

Cecilia Sierra lembrou que, se ben a solicitude de fraccionamento do pagamento do IBI se pode solicitar presencialmente en calquera momento na Oficina de Atención ao Contribuínte, é necesario facelo antes do 28 de febreiro para que poida ser efectiva no recibo de 2014. Os que xa solicitaran o pagamento en tres prazos neste exercicio 2013 non terán que facer ningún trámite, xa que se lle aplicará o fraccionamento xa de forma sucesiva en cada exercicio.

Os que opten polo pagamento fraccionado terán que facer fronte aos tres prazos do recibo os días 5 de maio, 5 de agosto e 5 de novembro. De non escoller esta alternativa, os contribuíntes deberán pagar o IBI entre o 5 de abril e o 5 de xuño.

Tamén en relación ao IBI e a outros impostos municipais, a edil indicou que se está a traballar para determinar un ano máis a contía dunha partida económica para axudar ao seu pagamento a aquelas familias con especiais dificultades económicas.

Máis impostos fraccionados e pago á carta
Ao fío do pagamento do IBI, a concelleira adianto que o Concello está traballando na ampliación dos impostos que se poidan acoller a esta figura do fraccionamento. A intención é que as seguintes taxas que poidan ser fraccionadas sexan o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e o Imposto de Actividades Económicas (IAE).

Outro dos obxectivos do Departamento de Facenda é a ampliación do número de prazos, de tal xeito que se faga efectivo o chamado pagamento á carta.

O terceiro aspecto no que se está traballando é o sistema de domiciliación bancaria. Co fin de estender esta modalidade estre os contribuíntes para o pagamento dos impostos e taxas, estanse estudando posibles bonificacións, de entre o 3% e o 5% para aqueles que domicilien os seus recibos.

En paralelo a estas medidas de índole fiscal, Facenda e Informática seguen traballando para incrementar os trámites que se poden realizar dende a Carpeta Cidadá da web municipal.

Compartir: