EDUCACIÓN

Ferradura Aberta comeza o martes con novas actividades

10/07/2006 Entre o 11 e o 28 de xullo a Alameda de Santiago ten a súa cita anual con Ferradura Aberta. A decimoterceira edición do programa, que organiza o departamento de Educación, desenvolverase todas as tardes de luns a venres e incluirá un espazo para os pais.

Recoller flores ás beiras do Sarela, coñecer as árbores do Pedroso ou compor entre todos unha brigada ecolóxica que coide as beiras do río Sarela ou do Carme de Abaixo son algunhas das actividades preparadas para este ano. Ademais dos percorridos polos espazos naturais da cidade, haberá unha área dedicada ao deporte. Os pequenos farán equipos para xogar e aprender esgrima, tenis de mesa, xadrez, tiro con arco ou mesmo gozar no rochódromo e facer carreiras.

Tamén haberá tempo para aprender nos obradoiros. Mans expertas ensinaranlles a facer cestos, encadernar libros, pintar, modelar e construír curiosas figuras de papel. E tamén haberá tempo para a festa: karaoke, monicreques, espectáculos musicais, ludoteca, xogos coa lingua galega, paseos nun tren que lles ensinará a cidade nun tris-tras, itinerarios pola Alameda e inchábeis para dar chimpos.

Como novidade, este ano, Ferradura Aberta tamén conta cos pais e nais, que terán á súa disposición un espazo no que poderán coñecerse, conversar ou descansar.

Ademais están preparadas unha serie de actividades extraordinarias. Os cativos gozarán con sesións de contacontos, laboratorios de experimentos científicos e mesmo terán a posibilidade de saír de acampada por un día. Ademais ao longo da Ferradura Aberta as diferentes organizacións non gobernamentais que traballan en prol da educación para a paz, a convivencia e a solidariedade, teñen á súa disposición este espazo que pretende dar a coñecer o traballo solidario de cada entidade, así como a difusión entre os composteláns e compostelás, daquelas actividades e propostas que están a promover.

Todas as actividades de Ferradura Aberta son de balde e poden participar nenos e nenas de 2 a 5 e de 6 a 14 anos.

Compartir: