ALCALDÍA

A comarca de Santiago ultima os trámites para a posta en marcha do Plan de Transporte

01/04/2005 Os concellos da comarca de Santiago manterán unha reunión o vindeiro martes, 5 de abril, para "abordar os últimos flecos" derivados do Plan de Transporte Comarcal, segundo anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, na súa habitual rolda de prensa semanal.

O rexedor de Santiago expresou a súa confianza de que ao longo da semana próxima estean definitivamente rematados os termos do convenio para o Plan de Transporte Comarcal, que "non vai colmar as nosas expectativas, xa que aspiramos á creación dun Consorcio de Transportes para Santiago e a súa área de influencia, a medio prazo, pero si supón un paso importante no bo camiño que faría irreversible este obxectivo último". Con todo, quixo manifestar a satisfacción de todos os concellos da comarca por este acordo que "consolida o Plan de Transporte".

Sánchez Bugallo concretou que os termos do convenio "estanse ultimando entre os técnicos da Consellería e de TUSSA, porque é posible que sexa necesario facer algunhas modificacións na actual Ordenanza de Tráfico compostelá que requirirían da celebración dun pleno a mediados de abril".

Orzamentos municipais para o 2005

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, valorou hoxe en rolda de prensa o "criterio, a solvencia e a responsabilidade" coa que se actuou desde o goberno municipal na elaboración dos orzamentos municipais do 2005, que sobrepasan lixeiramente os 90 millóns de euros. Uns orzamentos que, en opinión do rexedor municipal, "permiten atender adecuadamente as demandas dunha cidade en expansión e respectan o compromiso de saneamento financeiro".

Sánchez Bugallo quixo salientar "o claro reforzamento do contido social, o que supón unha clara aposta polas políticas de benestar da cidadanía; o necesario incremento destinado ás partidas de limpeza urbana e mantemento de parques e Xardíns, derivados do propio crecemento da cidade; e, por último, o carácter redistribuidor da riqueza xerada, que permite importantes investimentos en obras para os barrios e o rural -especialmente no que se refire a saneamento- ao tempo que se reservan recursos para o pago de débedas contraídas no pasado".

"Estamos satisfeitos", engadiu e destacou porque "non hai ningunha cidade en Galicia que teña un investimento total de 300 euros por habitante" como ocorre na capital galega.

"Preocupación e dor" polo estado do Papa

A preguntas dos xornalistas, o alcalde de Santiago confesou seguir con "preocupación e dor" o estado de saúde do Papa Xoán Paulo II e desexoulle "o mellor para el e que non sufra".

Engadiu que é unha persoa "querida e respectada en Santiago e en Galicia, pero especialmente na nosa cidade, á que peregrinou dúas veces". Tamén recordou que o Papa foi un "defensor do Camiño, que sempre tivo na súa cabeza e no seu corazón".

Compartir: