EDUCACIÓN

O programa ENCIENDE promoverá a aprendizaxe da ciencia entre os escolares dos centros de ensino de Santiago

06/11/2013 Os centros escolares de Santiago desenvolverán este curso o programa "ENCIENDE. Ensino das ciencias na didáctica escolar", un proxecto da Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE), financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade. O seu obxectivo é fomentar a aprendizaxe da ciencia entre o escolares dos centros de ensino de Santiago, ata os 14 anos, coa idea de transmitir aos máis novos a importancia do traballo científico, introducilos na súa metodoloxía e mesmo fomentar as vocacións científicas.

A concelleira de Educación, María Castelao, e o profesor da Universidade da Coruña e membro da Comisión Permanente de ENCIENDE, Juan Casto, presentaron este programa, que comprende diferentes propostas que os interesados poden atopar no portal http://enciende.cosce.org. Entre elas figuran demandas de colaboración de mestres e de profesores; foros de discusión con mestres, profesores e outros científicos; a publicación mensual dun boletín de temas científicos con contidos escritos por investigadores, dirixidos a nenos, que poden ser usados na clase; ou un premio ao mellor proxecto científico que se realice dende unha aula, co fin de promover que profesores e rapaces desenvolvan as súas propias actividades.

Con este proxecto, a COSCE emprendeu no ano 2010 a tarefa de ser ponte entre a comunidade educativa e a comunidade científica, para involucrar a toda a sociedade e traballar en prol dunha cidadanía sensibilizada, educada e formada en ciencia. ENCIENDE é a plataforma de participación da comunidade para o ensino das ciencias na didáctica escolar en España, aberta a mestres, docentes, científicos, investigadores, comunicadores da ciencia e familias, e a todos aqueles que estean interesados en mellorar o ensino das ciencias e incrementar as vocación científicas.

No Portal de ENCIENDE, os centros escolares poderán inscribirse, comezar a utilizar os recursos dispoñibles, solicitar algunha das actividades que se ofrecen ou pensar que proxecto poderían realizar dende os centros escolares.

Visita á Escola Infantil de Fontiñas
A concelleira achegouse á Escola Infantil de Fontiñas para interesarse pola súa situación e para trasladarlle unha mensaxe de tranquilidade aos profesores, recordándolles que "o Concello ten todo na súa man para facer cumprir o prego á empresa adxudicataria".

Neste sentido, tamén quixo transmitirlles aos pais dos nenos e nenas o respaldo da Administración local. Recordou que se manteñen contactos diarios con todos os afectados e que o Concello "segue velando pola correcta prestación do servizo".

Direcciones relacionadas



Compartir: