CULTURA

Douscentos filmes e quince concertos na 27ª edición do festival Cineuropa

05/11/2013 Un ano máis, Compostela convértese na capital do cinema en novembro coa chegada de Cineuropa. Este ano, na súa XXVII edición, Cineuropa ofrece 200 filmes en cinco salas da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio de Galicia, Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia e CGAC. Será do 7 ao 29 de novembro e as proxeccións completaranse coa visita de moitos cineastas para presentar os seus filmes e quince concertos. Os premiados este ano serán José Sacristán, María de Medeiros e Albert Serra. Toda a programación foi presentada en rolda de prensa polo alcalde, Ángel Currás; o director de Agadic, Jacobo Sútil; a xerente do Consorcio de Santiago, María Antón; o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; e o director de Cineuropa, José Luis Losa.

Todos os participantes na rolda de prensa coincidiron en salientar a importancia deste festival na situación actual do cinema e que esta sexa xa a cita número 27 co mesmo. Destacaron como primordial para poder conseguir isto a unión de diversas institucións no apoio ao festival. Así, o festival está organizado polo Concello de Santiago e o Consorcio da cidade e conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais; o Centro Galego de Arte Contemporánea e Novacaixagalicia. Ademais, ten o apoio de diversas entidades públicas e privadas; apoios que medran cada ano e que confirman así a importancia do festival no tecido cultural, non só de Compostela, senón de toda Galicia.

Os 200 filmes que podemos ver este ano organízanse en 17 seccións: Sección Oficial; Panorama Internacional; Foco Dan Sallitt; Foco Chile; Foco Olivier Assayas; Foco "Dreileben" e a Escola de Berlín; Micatlántica; Docs-Cineuropa; Docs Music: Dylan; Contraculturas; Creo en Italia… Máis che vale!: o Novecento italiano en 60 películas; J.F.K. Camelot, cincuenta anos despois; Fantastique Compostela; Panorama Audiovisual Galego, Maratón e dous recordos especiais: Recordo de José Luis Borau, premio Cineuropa 2000: em]Furtivos e Recordo de Bigas Luna, premio Cineuropa 2013: Bilbao.

Entradas á venda este xoves e moitos filmes con entrada de balde
Destas seccións haberá que pagar para asistir aos filmes da Sección Oficial, Panorama Internacional, Foco Dan Sallitt, Foco Chile, Docs-Cineuropa, Contraculturas, Fantastique Compostela e o Maratón. É dicir, haberá nove seccións con entrada libre ou previa retirada de invitacións. Os prezos mantéñense como o ano pasado, 4 euros por filme e 30 euros o abono para dez películas. As entradas poderán mercarse na billeteira do Teatro Principal e en Novagaliciabanco (web e teléfono) dende este xoves ás 15:30 horas. A billeteira permanecerá aberta todos os días ata que remate o festival dende as 15:30 ata a hora de comezo do último filme do día.

A continuación vai a presentación do director do festival, José Luis Losa, que fai un percorrido pola programación do que poderemos atopar nestes douscentos filmes:

"Cineuropa, neste 2013, mira o cinema que foi e o que será. Non se pode ser vangarda sen mirar moito antes o retrovisor. Por iso, o programa desta 27ª edición ofrece as miradas de realidades palpitantes: a que latexa nas imaxes da aristocracia artística do noso tempo, a de Philippe Garrel e La Jelousie, estrea absoluta en España; na do retorno dun dos máis grandes, Tsai-Ming-liang, que denuncia dende Taipei a crise dos desafiuzamentos en Stray Dogs; a de Kelly Reichardt, quen nos perturba dende Estados Unidos nesa reflexión sobre o medio ambiente e a reacción directa de Night Moves; a do enfant terrible Xavier Dolan, de novo premiére absoluta este ano en Cineuropa , dende Canadá, coa visceral Tom à la ferme.

É a mirada de Jiang-Zhang-Ke, que anuncia en A Touch of Sin que a caldeira de contradicións da China actual pode rebentar nun estoupido violento. Discurso moi próximo ao do mexicano Amat Escalante, mellor director en Cannes co seu nihilista Heli.

Son as miradas aos propios efectos indirectos deste tempo de incertezas sobre os comportamentos humanos: vexan Jeune et Jolie, de Ozon, L’inconnu du lac, de Guiraudie, ou esa dolce vita nos tempos do bunga-bunga que é La Grande Bellezza, de Sorrentino.

Son os muíños da mente do mellor cinema do ano, nacido en Berlín, Cannes, Venecia ou Locarno. Cada unha das case duascentas películas que se poderán ver esta edición teñen a súa repousada razón de ser. A romanesa Child’s Pose non está aquí só por ser Oso de ouro en Berlín, senón porque recrea de modo formidable como as xuntas da institución familiar roxen tamén nesta tormenta. Pelo Malo non é só a Concha de Ouro en San Sebastián, senón un tenro achegamento a unha nena no corpo dun crío na moi machista Venezuela que ora por Chávez. A Francia que cre nos milagres e nos sandadores, a que debuxa François Dupeyron en Mon âme par toi guèrie, pode ser a mesma que dispara nas sondaxes a Marine Le Pen. E debe ser a mesma Francia cuxa clase política satiriza Tavernier na súa divertidísima comedia Quai d’Orsay. Cineuropa é iso, son películas en diálogo constante. Obras que se interpelan unhas a outras. Pegadas da violencia masiva nos Balcáns en From those who can tell no tales que rebotan ata a Xeorxia de In Bloom ou a xenofobia na Hungría de My Dog Killer, vencedora en Róterdan.

Ese diálogo entre películas, continuo, vaise a producir tamén nas salas onde recibiremos a máis realizadores que nunca, preto de trinta directores ou intérpretes que debaterán co noso público tras as proxeccións. É esoutro cinema que vemos como en España se reinventa ante a focha; o dos Albert Serra, Jonás Trueba, Fernando Franco, Lois Patiño, Mar Coll, Juan Barrero, Luís Lopez-Carrasco, Juan Cavestany, Alberto Gracia ou Jorge Tur.

Pero dicíalles que este futuro, este cinema reinventado sobre os cascallos, vén da reconstrución do pasado. Dese século XX que nos interpela desde a nova invitación de Claude Lanzmann, no seu imprescindible Les Dernier des Injustes, a unha relectura da memoria dos campos nazis; a que se fai en The Act of Killing sobre o sucedido en Indonesia tras o golpe contra Sukarno; a memoria do horror instaurado polos xemeres roxos en Camboxa, reafirmada por Rythy Panh e L’image manquante.

E esa relectura necesaria, ou simplemente divagación e descubrimento da Historia, a do século pasado, é a provocadora proposta que lles facemos desde o ciclo "Cre en Italia… más che vale!: O Novecento italiano en 60 películas". Verán nel como se pode entender un país incomprensible non só desde o cinema directamente político, senón tamén desde comedias cáusticas de Alberto Sordi, Nino Manfredi, Mastroianni, Gassman, Tognazzi.

E, ao cumprírense o próximo día 22 os 50 anos do asasinato de Kennedy, da morte de Camelot, convidámolos tamén a coñecer todo o cinema da conspiración que naceu antes e despois de que Norteamérica perdese a súa inocencia. Confiamos en que todo este programa non lles faga a vostedes perder a súa. A inocencia sabia. A que permite aínda extraviarse nesa aventura que son as imaxes dunha película de itinerario aínda descoñecido.

Cineuropa son duascentas rutas e cada unha delas conduce a un destino. Pérdanse neste mes, que xa nos volveremos atopar"

Direcciones relacionadas



Compartir: