CENTROS SOCIOCULTURAIS

Inaugúrase a exposición "Os cines de Compostela. Fotogramas da nosa historia"

04/11/2013 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya inaugurará este martes 5 de novembro, as 20:30 horas, a exposición documental Os cines de Compostela. Fotogramas da nosa historia, producida dende o Departamento de Centros Socioculturais para o programa Compostela Cine Classics 2013. Estará no CSC das Fontiñas ata o 30 de novembro.

Esta exposición, unha das actividades mais atractivas do programa Compostela Cine Classics deste ano, fai un percorrido sentimental pola historia de Santiago no século XX, a través dos seus cines e as súas xentes. Co obxectivo de achegar aos visitantes unha parte da intrahistoria da cidade con testemuñas de veciños e veciñas en torno ao cine e as salas de proxección como lugares de encontro e relación, pretendese tamén render unha homenaxe a este feito social que para todos é entrañable e próximo.

A exposición está dirixida ao público en xeral, con especial incidencia nos adultos, pero contempla a realización de visitas guiadas para alumnos de secundaria e pode ser unha boa ocasión visitala en familia. As visitas para alumnos de secundaria, en grupos dun máximo de 35 participantes, realizaranse os días 14, 21 ou 28 de novembro de 10:00 a 10:30 ou de 10:30 a 11:00 horas. Estas visitas asignaranse previa solicitude no Centro Sociocultural das Fontiñas ata cubrir as prazas.

A mostra conta con variados elementos, organizados en paneis informativos despregables; vitrinas con obxectos de coleccións particulares sobre a historia dos cines da cidade,; mapa dos "cines ausentes" de Santiago; colección de proxectores antigos de distintos formatos; vitrina con alimentos que se consumiron no cine ao longo de sete décadas; ou proxeccións audiovisuais como a dos testemuños dos veciños e veciñas e persoas da cultura de Santiago sobre os cines, ou a da primeira das versións fílmicas (cine mudo) rodada a partir da novela de La Casa de la Troya (Alejandro Pérez Lugín, 1925).

Para completar esta exposición, organizouse tamén un faladoiro co título Santiago e os seus cines o xoves 14 de novembro, ás 20:00 horas, no mesmo CSC das Fontiñas. Será un pequeno repaso pola nosa historia a cargo de Jesús Ángel Sánchez García, profesor titular da USC e coautor do volume Os cines de Galicia. A entrada será libre ata completar o aforo.

A Concellaría de Centros Socioculturais contou con numerosas colaboracións para a produción desta exposición: dende achegas particulares de coleccionistas que cederon diversos obxectos ata a colaboración de entidades como Xunta de Galicia, USC, Fundación Barrié, Centro Galego das Artes da Imaxe(CGAI) ou Santiago Film Comissión, e de medios como La Voz de Galicia ou El Correo Gallego. A todo isto hai que sumar os testemuños dos veciños de Compostela que, a través dos centros socioculturais, fixeron posible tamén a gravación do documental que forma parte desta exposición. A todos eles, a Concellería de Centros Socioculturais quere expresarlles o seu agradecemento.

Documentos relacionados



Compartir: