CONSORCIO DA CIDADE

O Consorcio subvencionará obras de mantemento de edificios no casco histórico

07/07/2006 Un innovador proxecto de rehabilitación de ventás e galerías posibilita este programa de axudas aberto ata o día 30 de de xullo.

O Consorcio e o Concello de Santiago lanzan un innovador programa de axudas para subvencionar o mantemento das carpinterías dos edificios da cidade histórica, completando deste xeito o ciclo de axudas para a rehabilitación de vivendas e locais comerciais. Estas axudas van dirixidas a aqueles inmobles incluídos no ámbito do Plan Especial de Protección da Cidade Histórica.

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago (OCiHR), a través do Obradoiro de Proxectos, ocuparase da elaboración dos Plans de Mantemento para cada edificio que o solicite e nos que quedarán recollidas as obras a realizar e o seu custo. Ademais do mantemento de ventás e galerías de madeira, este programa exténdese á envolvente exterior completa dos edificios, medianeiras, portais e escaleiras interiores, así como a aqueles elementos singulares catalogados.

Estas axudas acadarán ata o 50% do custo das obras de mantemento e o Consorcio librará a subvención na medida en que se vaia executando o calendario das obras definidas no plan. As solicitudes presentaránse na Oficina Municipal da Cidade Histórica e de Rehabilitación (Ocihr), aberta recentemente nos baixos do Pazo de Vaamonde, Rúa do Vilar, nº 59. O procedemento de xestión é similar ó xa coñecido para a solicitude de axudas para a rehabilitación de vivendas e locais comercias do Casco Histórico.

A convocatoria para estas axudas ó mantemento dos edificios está publicada no Boletín Oficial da Provincia do día 29 de xuño de 2006.

¿Qué se entende por obras de mantemento?
A subvención por mantemento de edificacións (SME) ten por obxecto fomenta-la execución de obras de mantemento ordinario que non entren dentro do concepto de rehabilitación en relación cos edificios incluídos no ámbeto do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago (PE).

Enténdese por obras de mantemento as definidas no art. 56 do PE como "actuacións de conservación", así como as tipificadas no art. 33 como "obras de interese arquitectónico, histórico ou ambiental de carácter ordinario" e as tipificadas no art. 34 como "obras de interese arquitectónico de carácter extraordinario".

Os elementos que constitúen a envolvente exterior dun edificio e dos elementos comúns catalogados interiores son, por exemplo:

•Fachadas (principias e medianeiras): carpinterías (portas, ventás e galerías), revestimentos, elementos arquitectónicos e/ou decorativos (soportais, pilastras, balcóns, cornisas reixas…), frontes comerciais (escaparates e rótulos).
•Cubertas: estructura portante de madeira, material de cubrición, canalóns e baixantes, lucernarios, elementos arquitectónicos e/ou decorativos (chimeneas, baixo cubertas, pináculos, gárgolas…).
•Redes de accesos: carpinterías, revestimentos, elementos arquitectónicos e/ou decorativos.
•Comunicacións verticais: Estructura, revestimentos, elementos arquitectónicos e/ou decorativos.
•Sistemas estructurais verticais de muros de carga e horizontais de madeira.

Non serán incluídas no programa de subvencións para o mantemento de edificacións (SME) as seguintes actuacións:

•As que sexan diferentes das "actuacións de conservación" que se recollen no art. 56 de PE.
•Aquelas sobre as que, estando incluídas na categoría de "actuacións de conservación" refírense a elementos ou edificacións sobre as que exista unha resolución pola que se declare a existencia dunha infracción urbanística.
•Calquera intervención dun edificio encamiñada á repara-las deficiencias derivadas de accidentes cando na orixe dos mesmos se aprecie a concurrencia de intencionalidade ou neglixencia.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios de SMS aquelas persoas que sexan propietarios ou usufructuarios de edificios, así como as comunidades de bens sobre edificios en réxime de propiedade horizontal, que precisen no momento da convocatoria de obras de mantemento para conserva-lo edificio en perfecto estado. Tamén poderán se-los titulares dun dereito de arrendamento sobre todo ou parte do edificio para o que se solicite a subvención, sempre que acredite a autorización do propietario ou usufructuario.

Para acollerse ás convocatorias que se realicen será preciso, ademais de cumplir coas formalidades previstas, reuni-los seguintes requisitos:

•Ser propietario, usufructuario, ou arrendatario, nos casos expostos, dun edificio cunha antigüidade mínima de dez anos, con usos non incompatiles co planeamento municipal ou con determinacións derivadas da lexislación do patrimonio.
•Estar ao corrente do cumprimento das obligacións tributarias e da Seguridade Social.
•Non estar incluido o edificio para o que se solicita a SMS en programas anteriores de mantemento.

Convocatoria
O prazo de apertura é dun mes a partir do día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, polo que a presente convocatoria remata o vindeiro 30 de xullo.

As solicitudes poden presentarse na Oficina Municipal da Cidade Histórica e de Rehabilitación (Ocihr), sede recentemente establecida nos baixos do Pazo de Vaamonde, Rúa do Vilar, nº 59.

Contía das subvencións
A contía da subvención por mantemento de edificacións fixarase en euros e nunca poderá superar a cantidade fixada, con independencia das variacións á alza que poideran producirse na execución das obras por variacións nos prezos ou circunstancias non tidas en conta no momento da resolución do expediente.

A contía da SME fixarase en función dos seguintes criterios:

•Obras que afecten á elementos de interés arquitectónico segundo os obxectivos do PE: ata un 50% (por exemplo, galerías de madeira e carpinterías)
•Resto de obras: Ata un 30%

Execución de obras
A execución das obras incluídas no Programa de obras subvencionables será contratada polo beneficiario directamente, e sempre previa obtención da correspondente licencia municipal, sen prexuizo das facultades de control e supervisión que a entidade concesionaria ou colaboradora manterá en relación coa súa execución.

As citadas obras deberán de contratarse, salvo circunstancias extraordinarias que haberá que xustificar, nunca máis alá do prazo de dous meses desde a data sinalada no calendario aprobado.

A efectiva execución das obras haberá de acreditarse mediante presentación do certificado de execución que haberá de ser emitido pola empresa contratada, con sinatura do técnico competente se a naturaza dos traballos así o esixira, dentro do terceiro mes seguinte ó de finalización do prazo fixado como de execución no contrato presentado e aprobado.

Compartir: