XUVENTUDE

A Concellería de Xuventude pon en marcha "Compostela Actúa", programa de dinamización das artes escénicas e musicais

04/11/2013 A Concellería de Xuventude pon en marcha un novo programa, Compostela Actúa, de dinamización das artes escénicas e musicais. Con esta iniciativa quere ofrecerse alternativas divertidas e formativas no ámbito da música e da escena, fomentando a creatividade dos mozos e mozas de Santiago.

Compostela Actúa foi presentado en rolda de prensa pola concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, quen indicou que o programa está dirixido a mozos e mozas de 16 a 30 anos. Poderán participar en tres grupos de actividade, con 12 integrantes cada un, seleccionados a través duns castings.

Unha das actividades denomínase Glee Club e o seu obxectivo é formar un cor opara aprendizaxe musica le canto. Realizaranse covers e performances de grandes éxitos e de cancións actuais, de todos os estilos musicais. Será un grupo aberto á creatividade dos participantes, xa que poderán compoñer as súas propias obras para despois cantalas.

Outro dos grupos é chamado 4ª Parede, un taller para introducirse no mundo da actuación no que se interpretarán diversas obras e terán cabida todas as ramas e tipos do teatro. Será un grupo aberto no que os participantes poderán escribir as súas propias obras e representalas.

A terceira oferta é Instrumentals, unha actividade pensada para aprender a tocar nun grupo de música. Ensaiaranse cancións de todas as épocas e estilos musicais, achegando un toque moderno e actual. Os membros do grupo traerán os seus propios instrumentos, sempre que sexa posible, cos que actuarán na formación musical (guitarra eléctrica, española, batería, teclado…). A composición será unha das facetas desta proposta.

Castings
Cada actividade estará formada por un máximo de 12 participantes que deberán ensaiar dúas veces por semana cun mestre que os formará na dinámica e na temática do taller ao que asisten. Estas tres propostas desenvolveranse dende o mes de xaneiro ata o remate do curso escolar. Pero a intención é que o programa teña continuidade no tempo.

Os castings para elixir os 12 participantes en cada un dos tres talleres terán lugar o luns 25 de novembro, de 17:00 a 19:00, e o sábado 30 de novembro, de 17.00 a 20:30 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.
Organizaranse representacións e concertos co fin de dar a coñecer o traballo realizado ao longo dos meses en cada unha das actividades. Ademais, cada certo tempo, os grupos compartirán clase, facendo así postas en escena comúns, mostras conxuntas ou representacións escénicas nas que o grupo de teatro actúe mentres que o instrumental e o coro poñen a banda sonora. Buscarase potenciar este tipo de exercicios.

Acompañaron á edil na rolda de prensa Maite Pérez, coordinadora do proxecto; Carlota Arana, estudante de Comunicación Audiovisual da USC; e Manuel Fernández, técnico de Xuventude.

Información:

DEPARTAMENTO DE XUVENTUDE
CSC e Xuvenil Municipal O Ensanche
Frei Rosendo Salvado 14-16 Baixo
15701 Santiago de Compostela
Tlfno: 981 543 001/ Fax:981 543 002
dptoxuventude@santiagodecompostela.gal

Documentos relacionados



Compartir: