PLENO

O Pleno aproba a baixada do IBI e a conxelación do resto de taxas en 2014

04/11/2013 A Corporación municipal aprobou nun Pleno extraordinario as ordenanzas fiscais para o ano 2014. A principal novidade é a baixada do Imposto de Bens Inmobles (IBI), que permitirá o aforro dunha media de 19 euros en todo os recibos. Ademais, mantéñense conxeladas o resto de taxas e prezos públicos.

A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, explicou os puntos máis destacados desta modificación das ordenanzas fiscais, que foi aprobada cos votos favorables do grupo municipal do Goberno e cos votos en contra dos grupos socialista e nacionalista. Así, detallou unha medida como a da baixada do IBI que fará que os composteláns deixen de pagar 1,7 millóns de euros en 2014. Permitirá un aforro medio en todos os recibos de 18,66 euros.

Segundo indicou, o tipo municipal aplicado a todos os recibos do IBI urbano e rústico baixará do 0,60 ao 0,57%. A medida afectará a todos os recibos xa que, incluso os que rexistren unha suba respecto a 2013, non alcanzarán os valores previstos inicialmente de manterse o tipo do 0,60%. Deste xeito, case 9 de cada 10 recibos (un 86,92%) experimentarán unha baixada media de case 19 euros, mentres o 1,12% manterán os valores de 2013 e só un 11,98%.

Neste exercicio 2014 consolidarase tamén a posibilidade para os contribuíntes de acollerse ao pago fraccionado do IBI, o que lles permitirá aboar este imposto en tres prazos: maio, agosto e novembro. De optar polo pago completo, este seguirase realizando do 5 de abril ao 5 de xuño. Cecilia Sierra indicou que, cara a futuros exercicios, se está a estudar a posibilidade de introducir máis fraccionamentos.

A edil tamén se referiu á que, un ano máis, se conxelan as taxas e prezos públicos, de forma que nin sequera se produce o incremento do IPC, asumindo as arcas municipais esta suba. A este respecto, lembrou que o mantemento dos servizos públicos supón para o Concello anualmente máis de 36 millóns de euros e que asumir a suba do IPC implica un gasto a maiores duns 600.000 euros anuais.

Declaración institucional
Nesta sesión, a Corporación aprobou por unanimidade unha declaración con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebrará o 25 de novembro. A través da mesma, o Concello de Santiago manifesta "o seu máis profundo rexeitamento a calquera forma de violencia exercida contra as mulleres". Ademais, reitera o seu compromiso co "obxectivo de alcanzar unha sociedade libre de violencia na que as mulleres gocen da dignidade e os dereitos que lles son inherentes, como corresponde a unha sociedade libre e democrática".

Compartir: