EIXO ATLÁNTICO

Unha serie documental analiza o Eixo Atlántico como polo de desenvolvemento

05/07/2006 O proxecto audiovisual aborda a evolución da Eurorexión Atlántica.

O presidente do Eixo Atlántico, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente de Caixanova, Julio F. Gayoso, presentaron hoxe en Santiago de Compostela a serie audiovisual Eurorexión Século XXI. Composta por 11 documentais dunha hora de duración, a serie analiza o presente e futuro da Eurorexion Atlántica, unha zona transfonteiriza formada polo Norte de Portugal e Galicia que abarca 50 mil quilómetros cadrados e cunha poboación de seis millóns de habitantes.

Para realizar este proxecto audovisual entrevistáronse durante un ano a máis de duascentas persoas, do ámbito político, empresarial, artístico e social. O presidente da Xunta de Galicia e do Goberno Español, Emilio Pérez Touriño e José Luis Rodríguez Zapatero, el alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, o presidente da Caixanova, Julio F. Gayoso, e o máximo dirixente do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijoo; así como os ex ministros portugueses, Luís Valente de Oliveira e Daniel Bessa; o presidente da Cámara Municipal de Porto, Rui Río; o deputado da República Portuguesa, Braga da Cruz; ou o deseñador internacional, Roberto Verino, analizan diferentes cuestións relacionadas coas infraestruturas, telecomunicacións e políticas que potencian a mobilidade social e laboral e promoven novas e mellores oportunidades de traballo nesta Eurorexión europea.

Coa entrada da Península Ibérica na Unión Europea, a fronteira administrativa que separaba Galicia e o Norte de Portugal diluíuse. A cooperación transfronteiriza, amparada pola UE, deu os seus primeiros pasos da man de entidades coma o Eixo Atlántico e a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, pero aínda queda moito traballo por facer para convertir a dous pobos, ata agora obxectivo 1, en competitivos no mercado global.

A través desta serie documental amósanse as claves do presente, pasado e futuro da cornixa do noroeste peninsular mediante un percorrido polas dezaoito cidades galego-portuguesas. Trátase dunha radiografía audiovisual dividida nestes capítulos: Dous pobos, un territorio; Vigo, motor galego do "L" de desenvolvemento; Santiago-A Coruña-Ferrol, o Finisterre da Eurorexión; Eixo Interior, unha raia non sempre é unha fronteira; Porto-Gaia, o corazón demográfico; Infraestruturas e mobilidade, a clave do desenvolvemento; Economía, a interacción dun sistema urbán; Investigación e NT, a porta ao futuro; Cultura e Turismo, un territorio privilexiado; Estruturas de Cooperación, na vangarda de Europa; e O Eixo do futuro, unha aposta en común.

A serie documental sobre esta Eurorexión transfronteiriza está promovida polo Eixo Atlántico e Caixanova e financiada polos Fondos Interreg III A da Unión Europea.

Compartir: