CULTURA

Scout Niblett cancela o seu concerto no triCiclo por motivos de saúde

30/10/2013 O TriCiclo 4 celebrarase este xoves 31 no Centro Galego de Arte Contemporánea e nel actuarán, tal e como estaba previsto, Ainara LeGardon e Fantasmage. Non estará, como se anunciou inicialmente, a británica Scout Niblett, que vén de cancelar varios concertos da súa xira por mor dunha enfermidade. O concerto continúa adiante coas outras dúas propostas e completarase máis adiante co concerto de Niblett tan pronto a saúde e a axenda llo permitan.

Todos aqueles que mercaran a súa entrada xa para este concerto e non queiran asistir por mor deste cambio poden pedir a devolución do importe da mesma a través do mesmo medio polo que a adquiriron. Aqueles que decidan asistir igualmente deberán gardar a entrada, xa que será válida para trocar, totalmente de balde, por unha entrada do concerto de Niblett nas vindeiras datas, algo no que xa está traballando a organización, que lamenta enormemente as molestias causadas por esta circunstancia.

Difícil atopar no noso país un espello máis fiable da clase e dedicación da británica que a bilbaína Ainara LeGardon. Autodidacta, autoxestionada e dona dun estilo e elegancia que poucos poderían acadar, estará a despregar a súa microscópica, puída, refinada proposta no CGAC baixo o signo do seu último álbum, We once wished.

A proposta local para este TriCiclo non son nin máis nin menos que un dos alicerces da escena alternativa galega, os vigueses Fantasmage, que engraxan e adestran a súa proposta, aclamada por igual dentro e fóra das nosas fronteiras. Todo o mundo á espera dun segundo álbum para o que non hai visos dun teito. Garage punk firme, decidido e con estilo plasmado na súa última publicación, o split compartido con Futuro Terror, para o peche dun TriCiclo que soa a histórico.

Compartir: