CULTURA

Rober Bodegas e Alberto Casado presentan "Entremeses (sketches en directo)" na Zona C

30/10/2013 O ciclo Falabaratos ofrece unha nova proposta de humor para esta fin de semana. Así, chegan á cidade Rober Bodegas e Alberto Casado cos seus Entremeses (sketches en directo), que poderemos ver na Zona C este xoves 31, así como venres, día 1 de novembro e sábado día 2 a partir das 20:30 horas. As entradas, a 8 euros anticipada, e 10 euros o día do evento, poden mercarse na billeteira do Principal (no horario habitual de 18:00 a 21:00 horas) e na propia Zona C os días de evento dende as 19:00 horas.

Entremeses (sketches en directo) é un espectáculo teatral e audiovisual de pequeno formato. Nel, Alberto Casado e Rober Bodegas interpretan unha serie de micro obras de humor absurdo e un pouco salvaxe de entre cinco e quince minutos cada unha, que tamén escriben e dirixen. Ou o que é o mesmo, unha serie de entremeses, á súa maneira, si, pero entremeses.

Acaban de terminar a súa primeira temporada (xuño, 2013) na Sala Costello de Madrid, lugar de referencia na cultura indie da cidade e volverán en setembro coa segunda temporada. Sketches como "Ruleta rusa" -seleccionado por Microteatro Por Dinero para a súa programación- "Conversaciones Sabadell presenta: Teo & Wally" ou "Viven: supervivientes de catástrofes" valéronlle para ter unha puntuación de 9,4 entre os usuarios de Atrápalo.com.

Entremeses ten unha duración de 100 minutos e está recomendada para maiores de 18 anos.

Alberto Casado (1983) e Rober Bodegas (1982) levan escribindo e actuando xuntos dende 2008, momento no que entran a formar parte do equipo de guión do programa de La Sexta Se lo que hicistéis..., onde se encargan de escribir gran parte dos sketches do programa, ademais de parte do guión do programa en si.

A finais de 2011, tras Se lo que hicistéis... forman, xunto ao seu compañeiro Ángel Martín, a canle online Solocomedia.com, unha web de contido exclusivo e propio, na que cada día se podía ver un novo sketch escrito e interpretado por eles. No seu primeiro ano de existencia alcanzaron os 12 millóns de contidos vistos.

Xa en 2013 e coa experiencia na realización de sketches acumulada durante a súa estancia en Se lo que hicistéis... e o seu traballo en Solocomedia.com, deciden pasarse ao directo e estrean Entremeses (sketches en directo).

Paralelamente, Rober estreou El día en el que empecé a odiar los yogures, un espectáculo de monólogos co que estivo tres anos en carteleira no Teatro Pompeya - La Chocita Del Loro, na Gran Vía de Madrid. E en setembro estreará na mesma sala El umbral de la estupidez, o seu novo espectáculo de monólogos co que xa está de xira. Antes tamén escribira e interpretara monólogos no programa de televisión El rey de la comedia (TVE, 2007).

Compartir: