TURISMO

Os Camiños de Santiago e de Kumano protagonizan unha exposición fotográfica sobre as peregrinacións

30/10/2013 Turismo de Santiago inaugurou no Museo das Peregrinacións e de Santiago, na praza das Praterías, unha exposición fotográfica titulada Santiago-Kumano, rutas de peregrinación Patrimonio da Humanidade, que foi presentada polo alcalde de Santiago, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis. Esta acción enmárcase na celebración do Ano Dual España-Xapón 2013-2014.

As 44 fotografías, que estarán expostas ata o 11 de abril, forman parte dos arquivos de Turismo de Santiago e do Tanabe City Kumano Tourism Bureau. A mostra, producida pola Oficina Municipal de Turismo, conta co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Consorcio de Santiago e a Casa Galicia Xapón.

O contacto entre o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano comezou co irmandamento en 1998 de Galicia e a Prefectura de Wakayama. Ese espírito de colaboración rescatouse cando Turismo de Santiago visitou por primeira vez Tanabe en 2007. Tras esa viaxe, asinouse en 2008 un protocolo de colaboración entre o Concello de Santiago e o Concello de Tanabe, que levou ás súas oficinas de turismo a un intercambio permanente de experiencias e a un sólido programa de promocións conxuntas. A visita a Santiago do príncipe herdeiro de Xapón, Naruhito, o pasado mes de xuño, e a súa peregrinación polo Camiño de Santiago, serviron para estreitar máis aínda os lazos entre as dúas rutas de peregrinación.

O percorrido pola mostra permite comprobar como forxaron a súa identidade os dous camiños declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Na época en que comezaron a percorrerse as dúas rutas, Xapón era "o país por onde saía o sol" e Galicia "a terra do cabo do mundo", onde se poñía o astro. E malia estar tan afastados xeograficamente, os dous antigos camiños compartían moitos elementos comúns nas tradicións, a espiritualidade, o sincretismo, a paisaxe e incluso a gastronomía.

Ano Dual
Segundo manifestou a concelleira Reyes Leis, para Santiago de Compostela é unha honra poder contribuír á celebración do Ano Dual España-Xapón 2013-2014, que conmemora o 400 aniversario do envío da Embaixada Keicho a Europa. Ademais desta mostra, que viaxará no verán do 2014 ao Instituto Cervantes de Tokío, Santiago de Compostela organizará entre febreiro e marzo o primeiro Festival das Cerdeiras, coincidindo co Ume Hanami, o festival de contemplación das flores en Kumano. Tamén se anunciarán proximamente outras actividades para o 2014.

No pasado mes de setembro, Turismo de Santiago organizou en Xapón varias xornadas de promocións e mostras protagonizadas polo Camiño de Santiago e a súa cidade meta, tanto no Centro de Interpretación de Kumano, que dedica unha sala ao Camiño xacobeo e a Santiago de Compostela, como no aeroporto de Osaka e, especialmente, na Tokio-TIC, a oficina de información turística da estación central de trens de Tokio, que acolleu este verán unha exposición sobre a nosa cidade. A visita de Turismo de Santiago a Xapón no mes de setembro abriu tamén interesantes vías de colaboración cultural, turística e empresarial, que nos vindeiros meses redundarán en máis estreitos contactos para a difusión do nome de Santiago de Compostela e Galicia entre o público especializado e os sectores produtivos de Xapón.

Compartir: