FESTAS

O actor santiagués Manuel San Martín fará o pregón das festas do Apóstolo, o día 14

05/07/2006 O programa abrangue 18 días de festa, máis de 60 actividades e presenta artistas de gran prestixio e actualidade como Rosa, La Oreja de Van Gogh, Coti ou Joaquín Cortés, entre outros.

O encargado de ler o pregón das festas do Apóstolo deste ano será o actor santiagués Manuel San Martín, un dos protagonistas da existosa serie da TVG "Libro de familia". Ademais, tamén participou en series de carácter nacional como "Esencia de poder" ou "Géminis". Destaca a súa participación en "Camino de Santiago", onde compartiu cartel con actores consagrados como Anthony Queen e Charlton Heston. O nome do pregoeiro fíxose público esta mañá na rolda de prensa na que o concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, presentou o programa do Apóstolo da capital galega.

O programa presenta unha gran variedade de actividades pensadas para toda a familia, os máis mozos e os turistas. Haberá 14 grandes espectáculos e concertos que se celebrarán na Quintana e no Obradoiro. Artistas tan coñecidos como La Oreja de Van Gogh, Joaquín Cortés ou Marceo Parker se darán cita na capital galega. Ademais, destacan a gran cantidade de concertos gratuítos como Coti, Amparanoia, Budiño, Luar na lubre, Leilía, La Negra ou o da popular Rosa, que será a encargada de abrir esta edición o venres, 14 de xullo.

Entre as actividades máis tradicionais destacan a obra de teatro "El burlador de Sevilla", o Compostela Festival, a mostra de folclore galego, as orquestras, as actuacións para os nenos, o concerto multicular "A viaxe do son" ou as diferentes actividades polas rúas da cidade.

Os fogos porán a luz de cor cun impresionante espectáculo na noite do 24 no Obradoiro e a queima da fachada de estilo gótico diante da catedral. O 31 de xullo os fogos de fin de festa serán na escalinata do campus sur. Para este espectáculo cóntase cun orzamento de 250.000 euros financiado polo Consorcio.

As festas, que durarán 18 días e contarán con máis de 60 actividades, teñen un orzamento de 742.144 euros. Xosé Baqueiro convida a todos os cidadáns e aos turistas a que participen nestes días de festa e espera que se consigan cifras tan espectaculares como contar con 50.000 persoas na zona histórica e na Alameda da cidade, como ocorreu na noite do 24 de xullo do pasado ano.

Compartir: