FACENDA

A baixada do IBI permitirá o aforro dunha media de 19 euros en todos os recibos

29/10/2013 Os composteláns deixarán de pagar 1,7 millóns de euros en 2014 como consecuencia da decisión do Goberno Local de baixar o Imposto de Bens Inmobles (IBI). Así o anunciou o alcalde, Ángel Currás, quen apuntou que esta medida permitirá un aforro medio en todos os recibos de 18,66 euros.

Segundo indicou, o tipo municipal aplicado a todos os recibos do IBI urbano e rústico baixará do 0,60 ao 0,57%, o que supón o tipo máis baixo dende 2002. Tanto o alcalde como a concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, cualificaron esta baixada como "histórica", lembrando que, dende 2009, o recibo do IBI viña incrementándose un 10% cada exercicio e que a última baixada se producira entre os anos 2003 e 2006.

A medida afectará a todos os recibos xa que, incluso os que rexistren unha suba respecto a 2013, non alcanzarán os valores previstos inicialmente de manterse o tipo do 0,60%. Deste xeito, afirmou Ángel Currás, "case 9 de cada 10 recibos (un 86,92%) experimentarán unha baixada media de case 19 euros, mentres o 1,12% manterán os valores de 2013 e só un 11,98% experimentarán un incremento nos seus recibos, pero sempre por debaixo do valor que terían pagado de manterse o tipo actual". Neste sentido, aclarou que a maioría deste grupo de recibos con subas se corresponde con rendas altas e grandes equipamentos".

Cecilia Sierra puxo algún exemplo práctico do que suporá esta redución do IBI. Así, un piso de 110 metros cadrados na rúa do Vilar pagará 333,51 euros en 2014, fronte aos 349,80 euros que pagaría de manterse o tipo actual. Un inmoble de 107 metros cadrados en Santiago de Chile quedará nos 458,14 euros fronte aos 480,57 euros previstos. E o propietario dun piso na rúa Londres (Fontiñas) de 102 metros cadrados aboará 239 euros na vez dos 253,23 euros que pagaría co tipo do 0,60%.

Compromiso municipal coas familias
Tanto o alcalde como a concelleira recalcaron que esta baixada de impostos era un compromiso municipal, ao igual que o da conxelación de taxas e prezos públicos, que se manterá tamén no exercicio 2014. A boa xestión dos servizos económicos, engadiu Ángel Currás, permitiu agora facer efectivo este "compromiso coas familias de Santiago nun momento complicado para as súas economías".

A concelleira de Facenda aproveitou a ocasión para lembrar aos contribuíntes a posibilidade de acollerse ao pago fraccionado do IBI, o que lles permitirá aboar este imposto en tres prazos: maio, agosto e novembro. De optar polo pago completo, este seguirase realizando do 5 de abril ao 5 de xuño. Así pois, manterase o calendario fiscal de 2013.

As ordenanzas fiscais para 2014 serán sometidas ao debate do Pleno nunha sesión extraordinaria prevista para o luns 4 de novembro.

Compartir: