PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Ábrese o prazo para a presentación das candidaturas ás eleccións do Consello de Relacións Veciñais

28/10/2013 A Concellaría de Participación Cidadá continúa co proceso de eleccións ao Consello de Relacións Veciñais. Pasados os 10 días para presentar as reclamacións ao censo, dende este luns, 25 de outubro, están expostas no taboleiro do Concello as asociacións veciñais con dereito a voto. Son 59 entidades veciñas as inscritas no rexistro e que están convocadas para elixir os seus representantes.

A segunda fase do proceso comezará o 28 de outubro coa presentación das candidaturas individuais, que finalizará o 14 de novembro. Deberán presentarse por escrito no rexistro a declaración de aceptación da candidatura e a certificación do acordo de designación da Asemblea da súa asociación.

Durante este mesmo período, as asociación veciñais que no censo participan da natureza urbana e rural, deberán decidir por cal das dúas circunscricións se presentan, comunicándoo por escrito nos rexistros municipais.

O 15 de novembro farase pública a lista de candidatos/as. E tamén se celebrará o sorteo público dos representantes das asociacións veciñais que formarán parte da mesa electoral o día das votacións. As entidades elixidas disporán de 10 días para comunicar o nome da persoa que participará na súa representación.

Tras a constitución dos membros da mesa electoral só quedará a xornada de votacións, que será o 10 de decembro entre as 17:30 e as 22:00 horas na Casa das Asociacións (antiga estación de Cornes - Rúa Manuel Beiras, 3).

Na última fase do proceso, o día das votacións, a mesa contará con dúas urnas, unha para as entidades veciñais do ámbito urbano e outra para as do rural. As asociación veciñais censadas cuxo ámbito de actuación se sitúe dentro dos límites urbanísticos do casco urbano elixirán a catro representantes. As que teñan o seu ámbito de actuación no rural elixirán dous.

Terá dereito a voto polas entidades censadas, o/a presidente/a ou persoa da asociación en quen delegue, que deberá aportar o carné, o pasaporte ou o permiso de conducir, e a certificación acreditativa da representación que ostente expedida a tal efecto.

Cada un destes representantes veciñais poderá votar un máximo de tres candidatos/as no caso de representantes do contorno urbano e un candidato/a no ámbito rural.

O proceso de eleccións, finalizará o 16 de decembro coa proclamación definitiva dos representantes electos, cunha duración do mandato por catro anos.

Compartir: