TURISMO

Volven ás rúas os ‘chaquetas vermellas’

05/07/2006 Turismo de Santiago, en colaboración coa Oficina de Voluntariado e o Consello Social da Universidade de Santiago, reforza os seus servizos de información en temporada cos ‘chaquetas vermellas’, que estarán nas rúas compostelás ata o 27 de agosto.

Para ampliar os servizos de información turística durante a temporada alta, Turismo de Santiago reúne un ano máis a un grupo de voluntarios que, entre o 3 de xullo e o 27 de agosto, funcionarán como ‘informadores móbiles’ nas principais rúas e prazas do casco histórico compostelán.

Os ‘chaquetas vermellas’ son xa coñecidos non só polo seu vistoso uniforme, senón tamén pola invalorábel axuda que prestan cada verán a turistas e peregrinos nas zonas de maior afluencia da cidade vella, onde colaboran na xestión de fluxos nas rúas e informan sobre as múltiples opcións turísticas e de lecer, aloxamentos, medios de transporte, enderezos e moitas outras cuestións.

O programa, organizado conxuntamente por Turismo de Santiago, o Consello Social e a Oficina de Voluntariado da Universidade de Santiago de Compostela, conta con 28 mozos e mozas con coñecementos de varios idiomas, que dedican a este proxecto 30 horas semanais.

Os voluntarios recibiron de Turismo de Santiago un curso de formación sobre recursos turísticos e atención ao público. A empresa municipal pagará as súas dietas de manutención, de acordo co estabelecido pola Lei Galega do Voluntariado, e a Universidade de Santiago de Compostela un seguro polo tempo da súa colaboración.

Compartir: