FESTAS

O alumeado de Nadal acenderase nas rúas da cidade o 6 de decembro

25/10/2013 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, deu conta do inicio do procedemento para contratar o alumeado do Nadal, que permanecerá acendido do 6 de decembro ao 6 de xaneiro. Investiranse 64.699 euros nunha iluminación que chegará de novo ás parroquias no rural e que, este ano, incluirá unha sorpresa.

"Neste Nadal, o Concello quixo ser especialmente sensible co sector comercial da cidade nestes momentos complicados", indicou o concelleiro. De aí que o alumeado se acenda o 6 de decembro, coincidindo coa ponte da Constitución. Preténdese así contribuír a xerar unha maior afluencia de visitantes e unha maior actividade comercial durante esta época do ano.

Tamén se mantén o compromiso coas parroquias, repetindo instalación de elementos luminosos alegóricos do Nadal no entorno das igrexas ou dos centros socioculturais, ou no lugar que as asociacións veciñais consideren máis axeitado. Á vista da boa acollida en 2012, colocaranse 23 elementos luminosos no rural.

Entre as novidades para este Nadal -recollidas no prego de condicións- figura, ademais do propio adianto no acendido das luces, a inclusión de novas rúas con iluminación, como San Pedro de Mezonzo, a glorieta de Galuresa ou a árbore da Porta da Pena. Tamén se inclúe unha árbore de led máis (3 en total) e un teito de led na praza de Praterías. Nesta ocasión, a iluminación do Pazo de Raxoi vai igualmente incluída no prego.

Seguindo coas novidades contractuais, Francisco Noya destacou a posibilidade de prorrogar o contrato coa adxudicataria un Nadal máis, no caso de que o resultado sexa satisfactorio. Na elección da empresa, por primeira vez, valoraranse os deseños, dando relevancia á parte artística e non só á económica. Neste sentido, afirmou o edil, "apostamos pola implantación de novas tecnoloxías de menor consumo enerxético e alto valor estético".

Ademais destas novidades obrigatorias, as empresas poderán ofrecer outras, xa que terán a posibilidade de introducir melloras ata un tope de 20.000 euros. Deste xeito, o máis probable é que haxa máis elementos e en máis rúas das inicialmente fixadas no prego de condicións.

Finalmente, o concelleiro referiuse á obriga que terá o adxudicatario de contar cunha persoa de contacto na cidade para atender de forma inmediata as posibles avarías que se poidan producir no alumeado.

Compartir: