RELACIÓNS VECIÑAIS

Relacións Veciñais reparte 64.800 euros en subvencións entre todas as asociacións que as solicitaron para este 2013

24/10/2013 O concelleiro de Relacións Veciñais, Francisco Noya, deu conta en rolda de prensa da decisión da comisión avaliadora das subvencións veciñais para este exercicio, referendada e aprobada pola Xunta de Goberno. Todas as solicitudes presentadas, 43, foron atendidas e, delas, 13, recibiron máis de 1.800 euros, sendo o máximo de 1.900.

"Este importante importe nestes tempos –indicou o concelleiro– é unha contraprestación ao bo traballo que veñen realizando a meirande parte das asociacións veciñais, que programan un importante número de actividades que complementan as prestadas dende centros socioculturais polo Concello". Neste sentido, lembrou que a convocatoria deste ano, como o ano anterior, destina o 80% das axudas a actividades programadas polas asociacións e o 20% como máximo a gastos de funcionamento.

Comeza agora a fase de xustificación. Así, unha vez concedida a subvención e para proceder ao seu cobro, as entidades beneficiarias deberán presentar no rexistro unha serie de documentación acreditativa da realización dos programas subvencionados, tal e como se recolle no punto 10 (xustificación e pagamento) das bases para a concesión de subvencións ás asociacións veciñais de Santiago de Compostela sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas e actividade de interese xeral para o exercicio 2013 (BOP núm. 164, xoves 29 de agosto de 2013).

A data límite para xustificar a subvención concedida será o 11 de novembro de 2013. Poderán entregar xustificantes de pago con data dende o 1 de xaneiro ata o 11 de novembro de 2013.

Francisco Noya lembrou tamén que, este ano, esíxese que todos os pagos se realicen mediante cheque ou transferencia bancaria, aínda que, excepcionalmente, aceptaranse facturas de pagos ata 400 euros en efectivo (IVE incluído). En calquera caso, nestes xustificantes debe constar información específica sobre a persoa e a empresa que realizou a venda (nome e apelidos, DNI, cargo na compañía e sinatura do vendedor, cuño da empresa e data da venda).

Carpas e colaboración nas festas patronais
Esta subvención ás asociacións veciñais únese a outras dúas tamén comprometidas no seu día cos representantes veciñais ao igual que en 2012. Así, concédense axudas de 300 euros máis IVE para a colocación de carpas, no caso de que as asociacións as precisen, fundamentalmente para os magostos destas datas.

Ademais, a Concellería colabora coas festas patronais dos barrios e parroquias con inchables, charangas, corais, baile tradicional... Xa se produciron unhas 50 colaboracións neste eido, fundamentalmente achegando inchables. Finalmente, o edil recordou o éxito do programa de excursións Imos coa asociación, destinado especificamente ás asociacións do rural e, excepcionalmente, aos barrios periféricos da cidade.

Compartir: