XUVENTUDE

Arrancou o programa "Busco parella...lingüística"

23/10/2013 A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, asistiu no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche ao inicio do programa Busco parella...lingüística, posto en marcha polo Concello en colaboración coa USC.

O obxectivo deste programa é que os mozos e mozas de Compostela que teñan interese en perfeccionar as súas competencias lingüísticas poidan facelo dun xeito práctico a través da conversa con outras persoas con similares intereses. Así, os estudantes estranxeiros da USC poden anotarse para practicar español ou galego con residentes en Santiago que desexen, así mesmo, practicar a lingua de orixe dos alumnos estranxeiros. Estes estudantes foráneos xa ofrecen aos composteláns a posibilidade de practicar linguas como o chinés, o italiano, o alemán, o francés ou o inglés.

A actividade consiste en facilitar un punto de encontro para que dúas persoas establezan contacto para practicar o uso dunha lingua. Entre os fins desta iniciativa están a mellora das destrezas lingüísticas, o intercambio de experiencias, o coñecemento de persoas con intereses comúns e o compartimento de afeccións con persoas que falan outras linguas. O programa está destinado a mozos e mozas de 18 a 35 anos.

Para participar nesta actividade é necesario cubrir unha ficha cos datos persoais, co obxectivo de poder poñer en contacto a diferentes usuarios que teñan intereses comúns, especialmente polo intercambio lingüístico. Unha vez cuberta, a ficha debe depositarse no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, lugar no que tamén ten lugar o primeiro encontro.

Exposición de xoias
A concelleira Rebeca Domínguez asistiu tamén á apertura da exposición das obras finalistas da especialidade de deseño de xoias do certame Xuventude Crea 2013, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. A mostra estará aberta na Fundación Museo Eugenio Granell (praza do Toural) ata o 9 de novembro no seguinte horario: martes a venres, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; e sábados de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Memoria lingüística
Antes, Rebeca Domínguez, na súa calidade de concelleira de Normalización Lingüística, participou en San Domingos de Bonaval, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no acto de celebración do "Día da restauración da memoria lingüística de Galicia", impulsado pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística.

Compartir: