CULTURA

Novas funcións de "O país do Pato Donald’ no ciclo Teatro & Danza

22/10/2013 A Zona C acolle as propostas escénicas máis alternativas do programa e, tras a estrea do guateque global Mornings, de Blanca Cendán e Suso Alonso, e da poesía expandida (Retro)visor, de Antía Otero e Isaac Garabatos, chegou o mércores 16 a compañía galega Lagarta, Lagarta coa obra O país do Pato Donald, con Ernesto Chao e Rosa Álvarez, dirixidos por Xulio Lago. Agora, esta semana temos de novo funcións da obra, dende o mércores ata o domingo.

As funcións completaranse do mércores 23 a domingo 27 de outubro, e serán todas ás 20:30 horas, excepto os domingos, que serán ás 19:30 horas. O prezo é de 8 euros (6 euros os mércores e xoves, día do espectador) e poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas, ou na billeteira da propia Zona C, aberta dende as 18:00 horas).

O país do Pato Donald é unha reflexión profunda sobre a derradeira estación da vida dun profesor de literatura que vive os seus últimos días a cabalo entre a realidade e as lembranzas dunha vida anterior moito máis rica e idealizada. Un espectáculo onde todos nos podemos identificar e no que todo sabe a "verdade" e que conta coa interpretación dos actores Ernesto Chao e Rosa Álvarez.

Lagarta Lagarta é unha compañía galega de teatro fundada en 2001 por Ernesto Chao e Rosa Álvarez. Non conta cun cadro fixo de profesionais. Algúns dos espectáculos que representaron foron As últimas lúas, Aeroplanos, O segredo dos Hoffman ou, en 2011, Unha hora na vida de Stefan Zweig.

Compartir: