CULTURA

O Concello incorpora o Auditorio Novagalicia do Preguntoiro á rede de espazos culturais

18/10/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director do Gabinete de Presidencia de NCG Banco, Santiago Novoa, asinaron un convenio de colaboración que permitirá incorporar o Auditorio da entidade financeira na rúa do Preguntoiro á rede de espazos culturais municipal compostelá. O acordo permite "reforzar a programación cultural nos eidos da música, teatro e danza, así como ciclos didácticos, infantís e familiares", segundo se indica no documento asinado. O recinto continuará sendo titularidade do banco, que seguirá ocupándose do seu mantemento e poderá empregalo como viña facendo ata o de agora pero, a partir de agora, o Concello poderá tamén dispoñer del para complementar a programación cultural da cidade.

Tras a sinatura, Currás e Novoa presentaron en rolda de prensa, acompañados de José Víctor Carou, xerente do Auditorio de Galicia (organismo que asumirá a programación) os primeiros seis eventos que acollerá o recinto dentro deste novo acordo. O primeiro evento froito do convenio será un magnífico concerto protagonizado pola cantante e guitarrista Madeleine Peyroux, unha das grandes voces da música contemporánea norteamericana, enmarcado no ciclo Sons’13. Despois, e dentro do mesmo ciclo, chegará o acordeonista e compositor arxentino Chango Spasiuk. A estes dous concertos engádense dúas representacións teatrais: Miembro del jurado, de Roberto Perinelli, e Yllana Teatro, co seu Far West. A programación compleméntase con dúas representacións galegas enmarcadas dentro do encontro para profesionais e público Galicia Escena PRO: O home almofada, de Martin McDonagh, e Criaturas, de Roberto Vidal Bolaño.

O alcalde amosouse moi satisfeito de chegar a este acordo con Novagalicia Banco que, lembrou, "foron pioneiros no desenvolvemento dunha programación cultural en Santiago, así como na posta en marcha de espazos, xa que o Auditorio da Carreira do Conde foi o primeiro destas características na cidade". Así, destacou que o convenio axudará a ampliar e mellorar a oferta cultural da cidade, polo que é unha moi boa nova.

Santiago Novoa, director do Gabinete da Presidencia de NCG Banco, subliñou que o acordo co Concello de Compostela "é o primeiro paso dunha nova etapa que nos permitirá tirar un maior proveito deste espazo cultural excepcional". Novoa indicou que "tamén é unha mostra ben visible do noso compromiso con Galicia e cos veciños e veciñas dunha cidade que forma parte, e unha parte moi importante, da nosa propia historia" e salientou o papel social e menos coñecido da entidade: "O banco dedica moitos recursos e atención a moitas actividades sociais. Financia o 60% das cotas dos centros de maiores da Fundación Novacaixagalicia (a antiga Caixa); asinou este ano centos de convenios de apoio a todo tipo de iniciativas, asociacións e colectivos económicos e sociais do país..."

Dous concertos e catro representacións teatrais
A primeira das propostas está protagonizada por Madeleine Peyroux, que ofrecerá un concerto o martes 12 de novembro, ás 21:00 horas, dentro do ciclo Sons’13. Presentará o seu último traballo, The blue room, que está á altura do mítico Careless love e co que pode recuperar a ese público que non lle perdoou que nos seus dous últimos traballos optase por cancións de composición propia e, polo tanto, menos comerciais.

O luns 25 de novembro chegará ao Auditorio de Novagaliciabanco o Teatro Nacional Cervantes (Bos Aires) cunha proposta do ciclo Teatro & Danza xunto con Micatlántica: Miembro del jurado, de Roberto Perinelli, dirixida por Corina Fiorillo. E pecha a programación de novembro outra proposta de Micatlántica e, nesta ocasión, o ciclo Sons’13: un concerto de Chango Spasiuk, compositor e acordeonista arxentino que produce unha rica mestura de sons e ritmo.

En decembro temos unha nova proposta do ciclo Teatro & Danza, da man da compañía madrileña Yllana que presenta, o venres día 20, Far West, con Antonio de la Fuente, César Maroto, Susana Cortés e Rubén Hernández, no que é a súa primeira incursión no xénero do western. Yllana aposta polo humor sen palabras, un humor universal que soubo chegar a multitude de escenarios por todo o mundo.

O Auditorio de Novagaliciabanco será tamén o escenario da colaboración do Concello de Santiago con Galicia Escena PRO. Así, Il Maquinario Teatro presenta O home almofada, un thriller de Martin McDonagh, o martes 5 de novembro, ás 16:30 horas; e o mércores 6, á mesma hora, poderemos ver Criaturas, de Roberto Vidal Bolaño, con Teatro do Aquí.

2.500 metros cadrados e 700 butacas
O Auditorio Novagalicia Banco ocupa o inmoble coñecido na cidade co nome de Pazo de Ramirás, unha superficie total construída de máis de 2.500 metros cadrados que acolle un auditorio en dúas alturas cunha capacidade dunhas 700 butacas.

O espazo sociocultural dotouse de todo o equipamento necesario para que nel teñan lugar as máis diversas manifestacións da creación escénica. Posúe foso de orquestra, cámara negra, cuncha acústica, a posibilidade de ampliación do escenario, camerinos e os máis avanzados instrumentos tecnolóxicos do sector.

Compartir: