FESTAS

Variedade de sons e estilos para unha nova edición das Festas do Apóstolo

04/07/2006 O pregón na Praza do Obradoiro e a actuación da cantante Rosa a continuación dará inicio ás Festas do Apóstolo 2006 a noite do venres 14 de xullo. Os composteláns están chamados a gozar de 18 xornadas festivas cheas de animación nas rúas e de actuacións para os máis diversos gustos. La Oreja de Van Gogh, Coti, Amparanoia ou Joaquín Cortés son só algúns dos artistas que pasarán pola cidade durante estes días.

O concerto máis multitudinario das Festas será sen dúbida o de La Oreja de Van Gogh, que actuará o venres 28 de xullo na Praza do Obradoiro ante unhas 6.000 persoas. O grupo guipuscoano trae a Compostela as cancións do seu último disco, "Guapa" e os seus temas de sempre, nunha cita imprescindible para os seus incondicionais. Os seus concertos cóntanse por cheos ao longo de toda a xeografía española.

Un día antes, o 27, estará na Praza da Quintana o arxentino Coti. O cantante chega a Santiago dentro dunha intensa xira de máis de seis meses que está a realizar por España e que se prolongará ata outubro. Trae as cancións do seu último disco "Esta mañana y otros cuentos", un traballo gravado en directo e con colaboracións como as de Julieta Venegas, Paulina Rubio ou Ismael Sérrano.

Un dos principais atractivos das Festas virá da man do Compostela Festival, que presenta o último espectáculo de Joaquín Cortés "Mi Soledad". Despois de percorrer algúns dos máis importantes escenarios do mundo, emprende a súa xira española, que ten punto de parada en Compostela o xoves 22 de xullo. O artista baila só nesta ocasión, acompañado de dezaseis músicos e con vestiario de Jean Paul Gautier.

Tamén no marco do Compostela Festival enmárcase a actuación de Luar na Lubre e Bumba o venres 21, o do brasileiro Marcelo D2 o domingo 23 e o de Amparanoia o luns 24. Pechará este festival o espectáculo "A viaxe do son", no que participarán, entre outros, Budiño, Uxía, Leilía, Buika, La Negra e Jerry González... Todos estes concertos celebraranse na Quintana.

Outro dos atractivos do programa será a actuación do Ballet Nacional Folclorico de Rusia "Stavropol Cossacks" que representa na Quintana o musical "Miguel Strogoff" o martes 18. Un estilo totalmente distinto será o protagonista no mesmo escenario dous días despois, coa presencia do Leilía. A formación galega trae a Santiago "Cantar ao vivo" e contará con invitados coma Nando Casal e Antón Seoane, de Milladoiro; Israel Real e Pepe Fraiz, de Alecrín; ou Eric Liorzou e David Hopkins, de Bleizi Ruz.

Maceo Parker

O capítulo de grandes concertos complétase co do saxofonista Maceo Parker o día 26. Funk e jazz para unha actuación que promete ritmo e intensidade. Ademais, o 29 estará o "Sound of Gospel" de New Orleáns e o 31 subirán ao escenario da Quintana os participantes nunha particular homenaxe aos Beatles denominada "Show Beat".

Tampouco este ano faltarán outras citas habituais nas festas principais de Santiago, como as diversas actuacións no Toural, as Xornadas de Folclore Galego(15,16 e17), o Día das Bandas Populares (19) ou o Día do Traxe (28). Por suposto, o punto álxido das Festas estará unha vez máis na queima da fachada gótica e no espectáculo piromusical na Praza do Obradoiro.

Compartir: