CULTURA

Arrancan no Teatro Principal as Xornadas de Música Contemporánea 2013

16/10/2013 Este venres 18 de outubro, ás 20:30 horas, arrancan as Xornadas de Música Contemporánea coa Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), que contará coa gran voz da soprano María José Moreno.

No ano 2012 renacen en Santiago de Compostela estas Xornadas de Música Contemporánea co obxectivo de fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea. Nesta segunda edición mantense a mesma liña de traballo e colaboración institucional con que arrancou froito da iniciativa, coordinación e promoción da Universidade de Santiago (USC), o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Concello de Santiago. Neste 2013 súmanse tamén o Instituto Nacional das Artes Escénicas y la Música (INAEM) e o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM). As xornadas contan tamén con substanciais achegas do Consorcio de Santiago, da Fundación Cidade da Cultura e do Consorcio para a Promoción da Música da Coruña, e as colaboracións de institucións pedagóxicas musicais da cidade como o Conservatorio Profesional de Música e a Escola Municipal de Música.

A Joven Orquesta Nacional de España abre as Xornadas no Principal cun concerto que será o punto culminante do encontro que a JONDE veu desenvolvendo no Auditorio de Galicia e na Escola de Altos Estudos Musicais dende o venres 11 de outubro. O programa comeza coa estrea absoluta do encargo do Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) ao compositor compostelán Fernando Buide, Eupalinos; ao que seguirá o Kammermusik nº 3 de Hindemith e, como remate, a Sinfonía nº 4 de Mahler (versión de Klaus Simon).

As entradas, a 5 euros, están á venda na billeteira do Teatro Principal e en entradas.novagaliciabanco.es.

A Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) foi creada en 1983 co propósito de contribuír á formación de músicos españois na etapa previa ao exercicio da súa profesión. O seu obxectivo prioritario é a ampliación e o perfeccionamiento dos seus coñecementos a través do estudo e a práctica do repertorio sinfónico e de cámara, por medio da celebración duns seis encontros anuais. A música contemporánea é obxecto dunha especial atención por parte da orquestra grazas á súa Academia de Música Contemporánea.

Dirixe a JONDE o valenciano Joan Cerveró. O director estudou nos conservatorios de Valencia, Madrid, Barcelona e na Guildhall School de Londres. Membro fundador e director musical, dende 1994, do Grup Instrumental de Valencia. Dende 1996 é director artístico do Festival de Música Contemporánea Ensems e, dende 2011, director musical do Proxecto Vinte/21.

A soprano María José Moreno naceu en Granada e estudou na Escola Superior de Canto de Madrid. En 1997 gañou o concurso Francisco Viñas. Actuou na Staatsoper de Viena, Scala de Milán (xunto a Leo Nucci). En Londres, con Colin Davis e a London Symphony, gravou o Falstaff que recibiu un Grammy en 2006. Entre as súas máis recentes actuacións destacan A gazza ladra, con Alberto Zedda, e a estrea de Zaira na Fundación Gulbenkian de Lisboa.

Direcciones relacionadas



Compartir: