CULTURA

Luís Emilio Batallán presenta "Había que chegar" no Íntimo & Acústico

16/10/2013 Luís Emilio Batallán, un dos máis grandes cantantes galegos, deixa o seu semiretiro voluntario para ofrecer un recital no Teatro Principal no marco do ciclo Íntimo & Acústico. Será este xoves, 17 de outubro, ás 21:00 horas. O artista estará acompañado neste concerto por Simón García e Nani García. As entradas están á venda a 10 € (anticipada) e 12 € (día do concerto).

O cantante volve despois de anos de semi-retiro voluntario exercendo a súa profesión de médico en Moraña (Pontevedra). Non obstante, nas últimas décadas, en ocasións excepcionais, participou en recitais nos que demostrou a súa calidade como compositor, sorprendendo coa súa impecable voz e coa validez do seu repertorio na actualidade.

Luís Emilio Batallán (Compostela, 1948) é o autor dun dos discos máis notables da música galega de todos os tempos: Aí vén o maio. Publicado en 1975, Batallán sorprendeu entón coa súa revisión musical de poemas de Celso Emilio Ferreiro, Cunqueiro, Curros e Rosalía. Para algúns entendidos, ese disco está máis preto da música pop que da canción de autor. Ata aquel momento, a maioría dos cantantes galegos utilizaran, case sempre, o lado máis social ou comprometido dos poetas galegos para compoñer o seu repertorio. Pero, sorprendentemente e nun tempo no que aínda se lles esixía aos intérpretes un compromiso político definido, Batallán optou polo lado máis íntimo dos poetas galegos para elaborar un traballo que permanece na memoria de todos.

Aí vén o maio vendeu 200.000 exemplares e reeditouse en 1992, o ano de edición do terceiro LP, Eres un fármaco, aparecido tres anos despois de O ballet da nena. O cuarto LP de Batallán, Tu retrato, non chegaría ata 2007.

Compartir: