CULTURA

A actuación de Europa Galante e Fabio Biondi abre o festival "Vía Stellae"

05/07/2006 O I Festival de Música de Compostela e os seus Camiños, "Vía Stellae", bota a andar o mércores 5 de xullo cun concerto de Europa Galante e Fabio Biondi no Auditorio de Galicia. Entre o 5 e o 25 de xullo, este encontro difundirá a música clásica a través de 43 concertos en Santiago e en varias cidades polas que transcorren as rotas xacobeas.

O concerto inaugural correrá a cargo de Europa Galante, con Fabio Biondi no violín e dirección. Baixo o título "A Europa das Nacións", Europa Galante interpretará concertos, sinfonías e suites de Haendel, Bach, Leclair, Vivaldi e Geminiani.

Dirixida polo seu fundador, Fabio Biondi, Europa Galante goza dun gran prestixio internacional dende a súa creación en 1990 grazas á súa particular achega á recuperación e interpretación con instrumentos de época do repertorio barroco. A formación, recoñecida por crítica e público, obtivo numerosos premios grazas ao seu completo repertorio de obras e óperas esquecidas que recuperou, coas que encheu os mellores teatros e auditorios do mundo.

Fabio Biondi ten unha gran reputación como violinista e director. Ademais de colaborar con Europa Galante, é o actual titular artístico da Stavanger Symphony Orchestra de Noruega. Tamén colabora con orquestras como as de Santa Cecilia de Roma, Rotterdam, Niza, Orquestra Barroca Europea, París, Montpellier ou a Orquestra da Radio Danesa. É un dos violinistas barrocos de máis renome a nivel mundial e toca un violín orixinal construído por Carlo Ferdinando Gagliano en 1766. O programa elixido para a inauguración de ‘Via Stellae’ inclúe fermosos concertos para violín de Antonio Vivaldi, Johan Sebastián Bach e Jean-Marie Leclair.

O xoves 6 de xullo tomará o relevo a Orquestra Sinfónica de Galicia, tamén no Auditorio, cun programa especial para ocasión. Baixo o título, "A sinfonía clásica" inclúe sinfonías de Joseph Haydn (a Sinfonía nº 100, coñecida como "militar’") e Ludwig van Beethoven (a "Segunda Sinfonía’"). O director invitado para este festival será Giovanni Antonini, reputado frautista e fundador de Il Giardino Armonico. O seu prestixio como director levouno a ser invitado o pasado ano por Simon Rattle e a dirixir a Orquestra Filharmónica de Berlín.

L’Arpeggiata e a bailarina Anna Dego

Ao día seguinte, no Teatro Principal, a agrupación L’Arpeggiata e a bailarina Anna Dego traen "Os Impossibles" un programa de danzas e bailes que amosan o rico intercambio cultural e musical entre Europa e América durante os séculos XVI e XVIII. No escenario bailaranse danzas como como a chacona, a tarantela, a folia, a bergamasca, as españoletas, a romanesca e o fandango. L’Arpeggiata introduce a improvisación como un criterio moi importante na lectura dunha música que deixa ao intérprete unha gran liberdade creativa.

As actuacións previstas en Compostela proseguirán nas tres seguintes semanas. O Festival clausurarao a Real Filharmonía de Galicia o mércores 28 de xullo. As entradas poden adquirirse de xeito anticipado a través do sistema electrónico de Caixa Galicia e no Centro de Información ao Peregrino (Rúa do Vilar). O día do concerto mercaranse nos despachos do Auditorio de Galicia, do Teatro Principal e do Salón Teatro. O prezo do abono para os nove concertos do Auditorio de Galicia é de sesenta euros, mentres que para os cinco do Principal e do Salón Teatro o custo é de vinte euros. As localidades soltas teñen prezos entre seis e nove euros.

Compartir: