ORZAMENTOS

Emendas aos orzamentos do Estado para que se recolla o acceso ao Tambre e se incremente a partida para o túnel de Conxo e a EDAR

11/10/2013 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, anunciou as emendas que o grupo municipal do Goberno vai presentar aos orzamentos xerais do Estado. Vanse solicitar partidas para as obras do acceso ao polígono do Tambre e para o Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural, e o incremento das cantidades destinadas ao túnel de Conxo, ao Museo das Peregrinacións e da Cidade de Santiago e á estación depuradora de augas residuais (EDAR).

En canto á duplicación do acceso ao polígono do Tambre, Cecilia Sierra apuntou que a emenda solicitará a inclusión dunha partida de 1,5 millóns de euros para este proxecto. Trátase de recuperar a consignación orzamentaria contida nas contas estatais de 2012.

Seguindo con proxectos do Ministerio de Fomento, solicitarse que a partida de 3,6 millóns de euros da obra do túnel de Conxo se eleve ata os 5 millóns de euros. Deste xeito, sumaríase boa parte da cantidade consignada en 2012 e non executada, axilizando así a construción desta infraestrutura e adiantando o seu remate a 2015, fronte, fronte á programación inicial do 2016.

Tamén se demandará o incremento da partida para a futura estación depuradora de augas residuais (EDAR), pasando do medio millón ao millón de euros. A concelleira explicou a este respecto que "agora que este proxecto é unha realidade, pensamos que a partida inicial prevista se quedará corta".

Outra das emendas recolle a necesidade de dotar cun orzamento dun millón de euros a construción do Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural, recuperando así a partida prevista no exercicio 2012 e non executada. Finalmente, solicitarase que a cantidade asignada ao proxecto museístico do Museo das Peregrinacións e da Cidade de Santiago se incremente dos 250.000 aos 500.000 euros.

Cecilia Sierra amosouse confiada en que o Goberno do Estado atenda estas demandas orzamentarias para "proxectos prioritarios" da cidade. Neste sentido, agarda que, cando menos, se consignen nas contas, de xeito que poidan levarse a cabo a medida que se incorporen remanentes do exercicio 2012. En particular, expresou a súa crenza na "sensibilidade" do Ministerio de Fomento e da súa titular, Ana Pastor, respecto a proxectos como o túnel de Conxo ou o acceso ao polígono do Tambre.

Orzamentos municipais 2014
A concelleira aproveitou a rolda de prensa para avanzar que continúa traballando na elaboración dos orzamentos municipais para 2014. Neste intre, dixo, estase na fase de consultas cos diferentes concelleiros para coñecer polo miúdo as demandas de cada unha das áreas.

Anunciou que estas contas introducirán algúns cambios na política fiscal, que se concretarán na baixada dalgún imposto municipal. Apuntou que serán uns orzamentos "dinamizadores", o cal é posible agora nun "horizonte distinto", marcado pola redución da débeda bancaria e acredores, pola estabilidade orzamentaria e pola disposición de remanente de tesourería positivo.

Compartir: