CULTURA

Inaugurada no Auditorio de Galicia a exposición "O bosquexo do mundo"

10/10/2013 A Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia acolleu a inauguración da exposición O bosquexo do mundo nun acto que contou coa presenza de Amelia González, tenente de alcalde; José Víctor Carou, director-xerente do Auditorio; Silvia Longueira, directora da Fundación Luis Seone da Coruña e os comisarios da exposición, Alberto González–Alegre e Ángel Cerviño, que fixeron unha visita comentada á exposición da que gozou o público que se achegou ao Auditorio.

O bosquexo do mundo é unha exposición colectiva coproducida polo MARCO, (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), o Auditorio de Galicia e a Fundación Luis Seoane. Unha aposta polas mostras de produción propia que se fai extensible aos tres centros, como nova experiencia de coprodución e traballo en rede. Unha vez clausurada no Auditorio de Galicia de Compostela, a mostra viaxará en marzo de 2014 á Fundación Luis Seoane na Coruña.

A exposición sérvese da ambigüidade e riqueza do termo "bosquexo" como proxecto ou apuntamento previo á execución dunha obra, e tamén como imaxe mental, como idea latente na mente do artista e no seu ámbito de traballo. Nun labor conxunto de investigación e diálogo cos artistas, os comisarios achegáronse a cada un dos talleres e lugares de produción, para seleccionar ou rescatar toda unha serie de materiais que son parte esencial da estrutura das obras, e que aportan novas lecturas e tamén novos interrogantes sobre a súa orixe e significados.

A selección abrangue varias xeracións, dende artistas que iniciaron a súa traxectoria nos anos oitenta, ata os máis novos, nacidos a principios desa mesma década, ou na inmediatamente anterior, nos 70. Autores que traballan nos máis variados ámbitos creativos, utilizando técnicas e materiais —debuxo, gravado, pintura, colaxe, escultura, fotografía, vídeo, instalación— que en ocasións funcionan como método de investigación, como soporte ou material de apoio para as obras.

A relación de 21 artistas que participan nesta exposición é a seguinte: Marta Bran (Melide, A Coruña, 1986); Berta Cáccamo (Vigo, 1963); Bosco Caride (Vigo, 1963); Rosendo Cid (Ourense, 1974); Tamara Feijoo (Ourense, 1982); Beatriz Lobo (Vigo, 1985); Juan Loeck (Santander, 1959); Rut Massó (Vigo, 1970); Din Matamoro (Vigo, 1958); Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964); Santiago Mayo (Tal, A Coruña, 1965); Tatiana Medal (A Coruña, 1971); Miguel Mosquera (Ourense, 1953); Doa Ocampo (Sober, Lugo, 1986); Kiko Pérez (Vigo, 1982); Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965); Isaac Pérez Vicente (O Rosal, Pontevedra, 1955); Juan Carlos Román (Bilbao, 1961); Teo Soriano (Mérida, Badaxoz, 1963); Tayone (Vigo, 1980) e Mauro Trastoy (Ferrol, 1971).

Os comisarios
Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, artista plástico e crítico de arte respectivamente, ambos os dous cunha dilatada carreira ás súas costas, decidiron hai un par de anos coordinar os seus esforzos e constituírse en unidade indivisa para a acción curatorial. O bosquexo do mundo é o terceiro proxecto expositivo froito da súa colaboración. Con anterioridade produciron Casus belli. Refutación do contexto (Auditorio de Galicia, 2011), e En plenas facultades. Artistas docentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Museo de Pontevedra, 2013). Nada fai supoñer que a cousa se vaia parar aquí.

Horario da exposición: de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas. Todos os días.

Compartir: