XUVENTUDE

MúsicaXove canaliza un ano máis a creatividade musical dos grupos emerxentes

10/10/2013 A Concellería de Xuventude convoca o VI Certame MúsicaXove, co obxectivo de promocionar, impulsar e canalizar a creatividade musical da mocidade. Unha vez posto a disposición dos grupos musicais e solistas da cidade un local con dúas salas independentes para ensaios no Estadio de San Lázaro, o Departamento continúa así co labor de difusión da súa actividade.

A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, presentou este Certame MúsicaXove, que chega xa á sexta edición. O concurso ten como destinatarios aos artistas emerxentes que manteñen a súa actividade en Santiago, pero tamén aberto ao intercambio e á ampliación do circuíto, dando cabida a todas aquelas bandas e solistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

O xurado, previa audición das maquetas presentadas ao Certame, seleccionará como mínimo catro participantes que accederán a un concerto final onde actuarán cun tempo máximo de 12 minutos. Terán que interpretar, como mínimo, os dous temas presentados na maqueta.

Este concerto final desenvolverase o sábado 30 de novembro na Sala Capitol. Rematadas as actuacións, farase pública a decisión do xurado. O elixido como mellor grupo recibirá un premio de 1.800 euros, mentres que o segundo clasificado levará 800 euros. Establécese ademais un premio especial do xurado, dotado con 400 euros. Está prevista a edición dun disco compacto coa participación dos catro finalistas.

O prazo de inscrición no certame estará aberto ata o 8 de novembro. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Auxiliar do Concello situado no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16), en horario, en días laborables, de 9:00 a 14:00 horas, ou en calquera dos rexistros ou oficinas previstos na normativa de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Calquera información complementaria relacionada co Certame MúsicaXove'13 pode consultarse no Departamento de Xuventude:
Tfno: 981 543 001
Fax: 981 543 002
Correo electrónico: dptoxuventude@santiagodecompostela.gal

Documentos relacionados



Compartir: