CULTURA

O Festival Under Eighteen volve por segundo ano consecutivo a Compostela

08/10/2013 O Festival Under Eighteen (máis coñecido como U18) naceu co propósito de crear alternativas musicais para os menores de 18 anos, como unha proposta de lecer para os máis novos, que poden gozar en directo dos seus artistas favoritos en horarios adecuados e en recintos onde está prohibida a venda de bebidas alcohólicas e de tabaco. Esta iniciativa volve a Compostela da man da Concellería de Cultura e a produtora Sweet Nocturna tras o éxito da edición de 2012.

O alcalde compostelán, Ángel Currás; o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e David Lago, de Sweet Nocturna, presentaron esta xira, que chegará á Sala Capitol o 1 de novembro, ás 18:30 horas. Compostela sumarase así a un ciclo de concertos nos que só están incluídas outras catro cidades españolas: Oviedo, Salamanca, Granada e Málaga.

O cartel está encabezado polo grupo emerxente con máis éxito do momento, Auryn, e Xuso Jones, o rapaz que está a revolucionar o mundo do pop grazas a internet e as redes sociais. Ademais, o concerto contará coa presenza de Sweet California, unha nova banda de rapazas que vén pegando forte co seu primeiro sinxelo "Infatuated" e co grupo revelación da temporada, Critika & Saik, co seu novo tema "Imposible olvidar".

U18 diríxese fundamentalmente a adolescentes de entre 13 e 18 anos, que ata agora tiñan a entrada limitada a moitos concertos por ser menores de idade. O primeiro Festival U18 en España tivo lugar en xullo de 2008 na Comunidade de Madrid e xa pasou por Compostela en 2012. Dende esa primeira edición de U18, cuxo Facebook oficial conta con máis de 30.000 seguidores, grandes estrelas internacionais da música pop-rock pasaron por este festival, como McFly, Billy Talent, Katy Perry, Jonas Brothers, Paramore, Fall Out Boy e algúns grupos nacionais como Pignoise, Despistaos, Motel ou Non Way Out.

Compartir: