TURISMO

Santiago participa en Polonia na conferencia "Turismo relixioso como un elemento de integración intercultural"

08/10/2013 Turismo de Santiago participa na conferencia sobre "Turismo relixioso como un elemento de integración intercultural" que se celebra en Cracovia entre o 8 e o 10 de outubro. Turismo de Santiago acude a conferencia convidado polo Concello da cidade polaca e aproveitará a ocasión para amosar a colaboración entre Santiago e Tanabe, destinos das dúas rutas de peregrinación declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco, o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo.

O obxectivo da conferencia é analizar o fenómeno do turismo relixioso, que cada vez ten maior importancia no mundo, como un xeito de fomentar a integración cultural. Neste sentido, o Camiño de Santiago é un claro exemplo desta integración, en tanto que é percorrido cada ano por persoas de diferentes culturas e múltiples nacionalidades. Así, o Camiño tamén terá presenza no programa da conferencia coa intervención do presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Francia, Adeline Rucquoi, quen falará sobre o Camiño de Santiago como elemento de integración intercultural en Europa.

Cracovia é a segunda cidade en importancia de Polonia, con máis de 750.000 habitantes. O principal vínculo entre Santiago e Cracovia é a figura do Papa Xoán Paulo II, quen foi arcebispo da cidade e deixou unha fonda pegada en todo o país. Xoán Paulo II tivo tamén moita influencia no renacemento do Camiño de Santiago iniciado nos últimos anos do século XX, coas súas diferentes visitas a Santiago, a primeira no Ano Santo 1982.

Polonia ten preto de 40 millóns de habitantes, o 95% dos cales práctica o catolicismo. No ano 2004 entrou a formar parte da Unión Europea. Precisamente, dende ese ano, o número de peregrinos polacos está crecendo anualmente dun xeito importante, pasando dos 357 en 2004 aos 2.307 en 2012, xusto por riba de países como Brasil, con 2.229 peregrinos, ou Bélxica, con 1.955.

Compartir: