MOBILIDADE

Luis Bello acorda cos veciños de Pelamios, Salvadas e Vista Alegre a reserva de prazas de estacionamento para residentes

07/10/2013 O concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Luis García Bello, acompañado por técnicos do Concello, mantivo unha reunión cos veciños das zonas de Vista Alegre, Salvadas e Pelamios, aos que se lle formulou a proposta de implantación de zona verde de residentes para o barrio.

A partir das suxestións realizadas polos veciños nos últimos meses, realizouse unha proposta, trasladada agora á Asociación Veciñal e tamén á Asociación de Hostalería. O plan concrétase en 37 prazas delimitadas como zona verde 24 horas, na Costa Nova e en Vista Alegre, e outras 18 prazas de zona de estacionamento para residentes de 20:00 a 8:00 horas e libres durante o día. Quedarán 278 prazas de aparcamento libre.

Tal e como adiantara o concelleiro tras as reunións previas, convocouse esta reunión cos veciños no Local Sociocultural de Pelamios para trasladarlles esta proposta. Despois de responder a todas as preguntas que se lle formularon e aclarar todas as dúbidas que foron xurdindo ao longo da reunión, decidiuse que a proposta realizada é a que mellor se adapta aos intereses da veciñanza.

Esta zona verde é a oitava que se establece no termo municipal de Santiago, despois da de Santa Marta. Segundo o concelleiro, non está previsto a implantación de novas zonas nin a modificación das existentes, a menos que sexan solicitadas e acordadas polas propias asociacións veciñais.

Compartir: