TURISMO

Os 19 concellos de Área Santiago avanzan no desenvolvemento dunha web e dunha aplicación para a promoción conxunta

07/10/2013 O grupo Área Santiago, composto por 19 concellos da comarca de Santiago, reunise no Pazo de Oca, no Concello da Estrada, co obxecto de continuar avanzando no desenvolvemento de ferramentas para a promoción turística conxunta.

A reunión centrouse no desenvolvemento dunha web conxunta, complementada cunha app para dispositivos móbiles, na que se amosen os atractivos e servizos turísticos que se atopan nos concellos integrantes do grupo. Deste xeito, os potenciais turistas e visitantes poderán atopar nun único lugar a principal información turística sobre a zona. Un dos obxectivos é que estas ferramentas poidan estar xa listas para a celebración de Fitur

Ademais, falaron da visita de Barbara Nelson, fotógrafa de Nova York que estivo en varios dos recursos turísticos do grupo a pasada semana, das impresións da mesma e da viaxe xa oficial na que acudirá cun grupo de fotógrafos americanos en xuño de 2014.

Na reunión tamén se tratou sobre a xuntanza que os alcaldes do grupo tiveron recentemente coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen lles indicou os posibles modos de colaboración que poderían ofrecerse dende a Xunta de Galicia.

Tras a xuntanza, os representantes municipais participaron nunha visita guiada teatralizada ao Pazo de Oca, unha opción innovadora para coñecer este espazo, un dos máis destacados de Área Santiago. Os grupos interesados en facer estas visitas poden ter máis información no teléfono 986 572 267.

Compartir: