OBRAS

O Concello acomete o acondicionamento integral da pista Forte-Frades (Enfesta)

07/10/2013 A concelleira de Obras, María Pardo, e un dos encargados do seguimento do medio rural, Luis Meijide, deron conta das obras de mellora da o vieiro Forte-Frades, na parroquia de Enfesta. A través de dous proxectos, renovarase integralmente o pavimento en 1,6 quilómetros, cun investimento de algo máis de 100.000 euros.

Un dos tramos, de 1,06 quilómetros, renovarase no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, con fondos europeos, executado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A substitución do pavimento da calzada, con asfaltado en quente, será realizada, en virtude dunha encomenda municipal, pola Empresa de Transformación Agraria, S.A. (TRAGSA), cun orzamento de 66.212 euros.

O acondicionamento do outro tramo realizarase con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS 2013). Neste caso, investiranse 40.738 euros nunha actuación que incluirá tres regos asfálticos.

Deste xeito, indicaron os edís, realizarase unha intervención integral sobre este vieiro, que presenta un importante deterioro. A substitución do pavimento incluirá outras actuacións paralelas, como a limpeza de gabias. Estas dúas obras súmanse á xa realizada polo Concello hai uns meses neste mesmo vieiro, sobre outro tramo de 700 metros.

Compartir: