CENTROS SOCIOCULTURAIS

Compostela Cine Classics programa un faladoiro sobre ciencia no cine e a proxección de "Tempos modernos", de Charles Chaplin

07/10/2013 Continúan as actividades do programa Compostela Cine Classics, promovido pola Concellería de Centros Socioculturais. Para esta semana está previsto un faladoiro sobre a ciencia no cine e a proxección de Tempos modernos, de Charles Chaplin.

O mércores 9 de outubro, ás 20:00 horas, celebrarase no Centro Sociocultural de Fontiñas outro Classicfaladoiro, desta vez destinado a un público familiar. Titúlase Fotogramas de ciencia: a ciencia no cine (e viceversa) e contará coa participación de Mónica Moure e David Ballesteros, de Ceo Aberto.

As proxeccións continuarán o venres 11 de outubro, ás 20:30 horas, na Sala Agustín Magán (Centro Sociocultural de Santa Marta), con Tempos modernos (1936), de Charles Chaplin. Tras a exhibición do filme, café con cine na compaña de Miguel Anxo Fernández, escritor e crítico de cine. O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, tamén ten previsto asistir a esta sesión.

Obradoiro de pequenos cineastas e Pequeclassics
Por outra parte, segue aberto o prazo de inscrición para os
Classicobradoiros. En especial, dende a Concellería recórdase a celebración de dous obradoiros destinados ao público infantil.

O Obradoiro de pequenos cineastas: Rodamos unha peli! está destinado a nenos e nenas de 7 a 12 anos. Permitiralles vivir a experiencia de gravar unha mini película, aprendendo os distintos oficios do cine. Este obradoiro realizarase do 22 ao 25 de outubro, en horario de 18:00 a 20:30 horas, no CSC das Fontiñas. O prezo é de 14 euros e a inscrición pode formalizarse no propio centro sociocultural de martes a sábado, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a
21:00 horas.

O segundo dos obradoiros é o denominado Pequeclassics, dirixido a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Este é un taller creativo para achegar os máis pequenos a algúns dos títulos do programa. Celebrarase do 12 ao 15 de novembro, de 18:00 a 19:30 horas, no Centro Sociocultural de Santa Marta. A inscrición é gratuíta e pode facerse no CSC de martes a venres, de 17:00 a 20:30 horas; e os sábados, de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:30 horas.

Compartir: