RELACIÓNS VECIÑAIS

O Consello de Relacións Veciñais inicia a renovación dos seus representantes

03/10/2013 O Consello de Relacións Veciñais celebrado o 30 de setembro de 2013 aprobou o calendario electoral para a elección dos representantes veciñais no devandito órgano para os vindeiros catro anos.

O proceso para a renovación dos seis representantes veciñais do Consello de Relacións Veciñais dará comezo coa publicación do censo de asociacións veciñais o venres 4 de outubro. Terán que renovarse os catro representantes das entidades urbanas e os dous das asociacións do rural.

No rexistro municipal das asociacións hai 59 entidades de carácter veciñal. Os veciños de Santiago disporán de dez días hábiles para presentar as reclamacións oportunas contra o devandito censo. A lista definitiva das entidades veciñais con dereito a voto publicarase o 25 de outubro.

A continuación presentaranse os candidatos (calquera membro dunha directiva dunha asociación veciñal pode facelo), finalizando o prazo de presentación de candidaturas o 14 de novembro. Durante este prazo, as directivas das asociacións deberán comunicar ao Concello por cal das circunscricións rural ou urbana optan para elixir aos seus representantes. Tras a constitución dos membros da mesa electoral, só quedará a xornada de votación, que se celebrará o 10 de decembro, entre as 17:30 e as 22:00 horas, na Casa das Asociación de Cornes. De todo o procedemento informarase de xeito individual ás asociacións de veciños.

Nesa última reunión do Consello, o concelleiro de Relacións Veciñais, Francisco Noya, informou sobre a elección do San Xoán como festivo local para 2014. A noticia foi recibida con satisfacción polos representantes veciñais, ao ser unha proposta unánime no seu día do propio Consello.

Compartir: