XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto de urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño

03/10/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o proxecto de urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño. Ademais, iniciou a contratación da segunda fase da reurbanización da rúa Raxoi e das obras de estabilización do noiro da rúa de Betanzos.

A voceira da Xunta de Goberno e concelleira de Urbanismo, María Pardo, apuntou que a urbanización do SUNP-11 non responde á vontade municipal nun momento doutras prioridades económicas, de "exceso" de solo residencial dispoñible e de parón do mercado inmobiliario, senón a unha "obriga legal".

Lembrou que esta urbanización é un compromiso da desaparecida Emuvissa, que non a executou malia ter cobrado as cotas dos propietarios. "Non queda máis remedio que acometer esta obra", asegurou a edil, previndo maiores repercusións económicas para o Concello de non facerse.

Rúas Raxoi e Betanzos
O Goberno local tamén iniciou o expediente para contratar a segunda fase das obras da rúa Raxoi. Esta actuación ten un importe de licitación de 130.290 euros e pretende solucionar as deficiencias desta rúa e completar a obra realizada no seu día na rúa San Clemente.

Igualmente no ámbito das obras, aprobouse a de estabilización do noiro da rúa de Betanzos, por importe de 54.571 euros.

Xa no eido rural, encoméndase á Empresa de Transformación Agraria S.A. (Tragsa) a execución dun proxecto de mellora de vieiro en Forte-Frades, nos termos recollidos no convenio existente entre o Concello e esta empresa.

Santiago Impulsa II
Na sesión deuse conta da concesión dunha subvención da Consellería de Traballo e Benestar de 213.202 euros para o desenvolvemento dos obradoiros de emprego Santiago Impulsa II. Nesta segunda edición da iniciativa, os alumnos, seleccionados entre persoas desempregadas, poderán formarse en mantemento de espazos verdes, hostalería e mantemento de páxinas web. A súa formación práctica levará emparellada unha remuneración.

Fundación Secretariado Xitano
En materia de Benestar Social, aprobouse o convenio entre o Concello e a Fundación Secretariado Xitano, polo que esta entidade recibirá 20.000 euros par aos seus programas de promoción social e comunitaria e de loita contra a discriminación. Este é o primeiro dos convenios con entidades sociais que se irán asinando nestas semanas.

A propósito destes convenios sociais, María Pardo lembrou que a partida por este concepto se dobrou en 2013 e que é intención do Goberno municipal seguir incrementando o importe para este tipo de subvencións no orzamento de 2014.

Programas de prevención da drogodependencia
Finalmente, aprobouse a solicitude dunha subvención ao Ministerio de Sanidade, a cargo dos fondos procedentes de bens decomisados por tráfico de drogas ou outros delitos, para programas de prevención municipais. En concreto, demándase a axuda para o programa Versión 2.0, que ten un custo de 186.669 euros. O Concello achegaría o 30% do orzamento desta iniciativa, 55.100 euros.

Documentos relacionados



Compartir: