EMPREGO

O paro en setembro logra o segundo mellor dato neste mes dende o comezo da crise

02/10/2013 O número de persoas rexistradas en Santiago no paro durante o mes de setembro aumentou en 30 persoas con respecto a agosto, un 0,35%, sendo a segunda mellor cifra neste mes dende o comezo da crise económica no ano 2008. Neste período de crise económica, setembro foi un mes no que se produciu un aumento considerable no número de persoas rexistradas no paro en Santiago, fundamentalmente polo descenso na actividade turística na cidade. Dende o ano 2008 non descendeu o paro en ningunha ocasión. Incluso houbo un considerable aumento no 2010, malia a celebración do Ano Santo Compostelán.

Cos datos de setembro, pese ao aumento do 0,35% respecto ao mes anterior, tamén se consolida o descenso interanual no número de persoas rexistradas no paro na cidade, que se produciu por primeira vez no pasado mes de xullo logo de que este indicador medrase na cidade durante 63 meses seguidos, dende abril do 2008. No mes de setembro deste ano houbo 8.677 persoas rexistradas no paro na cidade, o que representa un 1,90% menos que as 8.845 de setembro do ano 2012.

Os datos de setembro, como xa sucedeu nos meses precedentes, apuntan tamén a que Santiago está vivindo unha evolución das persoas rexistradas no paro mellor tanto á de Galicia como á de España. Mentres que en Santiago o aumento respecto ao mes de agosto foi do 0,35%, en Galicia o aumento foi do 1,25% e en España foi do 0,54%. En termos interanuais, Santiago tivo en setembro un descenso do 1,90% respecto a setembro do 2012, mentres que en Galicia houbo un aumento do 0,52% e en España o aumento foi do 0,41%.

Os datos de setembro, malia que supoñen un aumento de 30 persoas respecto ás cifras de agosto, apuntan a que Santiago pode estar preto dun cambio de tendencia na evolución do paro na cidade, xa que dende o mes de marzo, mes tras mes, compróbase que hai unha evolución positiva respecto dos anos precedentes. Non obstante, como se leva facendo dende que os datos comezaron a ser positivos no mes de marzo deste ano, dende o Concello de Santiago quere facerse unha lectura prudente dos resultados, posto que hai un número importante de composteláns que continúan pasando por situacións difíciles.

Dende o Concello de Santiago xa se anunciara que o último cuatrimestre do ano sería complexo, posto que tradicionalmente nestes meses hai sempre un aumento do paro na cidade polo descenso na actividade turística. Con todo, dende o Concello de Santiago estanse poñendo todos os medios posibles para que, como no caso do mes de setembro, os datos continúen sendo mellores que os que houbo entre o período 2008 – 2012, de tal xeito que cada vez se estea máis preto do cambio de tendencia.

Evolución do paro nos meses de setembro no período 2008-2013

2008: 130
2009: 390
2010: 224
2011: 312
2012: 20
2013: 30

Compartir: