CULTURA

Catorce propostas escénicas para pechar o ano no ciclo Teatro & Danza

02/10/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou a programación do ciclo Teatro & Danza para esta última parte do ano. En total son 41 funcións dun total de 14 propostas teatrais que poderemos ver en diversas salas xa coñecidas como o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal e a Zona C, ás que agora se engade o novo espazo teatral da cidade, a Sala Agustín Magán en Santa Marta. A proposta inclúe unha aposta polo teatro galego en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic combinada coa presenza de compañías chegadas de fóra de Galicia.

No Teatro Principal teremos a celebración en Compostela do décimo aniversario da compañía viguesa Ensalle, unha aposta do máis alternativo de Galicia en crecente prestixio que nos trae Imprudentemente deseé os días 8 e 9 de outubro. E tamén cumpre 10 anos Nova Galega de Danza, que o celebra coa proposta 10, dirixida por Jaime Pablo Díaz, o 15 de outubro.

Os días 25 e 26 de outubro, recibiremos por primeira vez en Galicia ao lisboeta Teatro Nacional Dona María II, que traerá Gil Vicente na horta, a partir de O velho da horta e outros textos de Gil Vicente. Este espectáculo chega en colaboración co Centro Dramático Galego e Agadic e verase reforzado pola presenza de dúas compañías portuguesas na programa teatral do Salón Teatro: a Compañía de Teatro de Braga con Sabe Deus pintar ao Diablo, o 31 de outubro, e Seiva Trupe (Porto) con Adivinhe quem vem para rezar, o 7 de novembro.

Para pechar o mes de outubro, no Principal teremos a outra compañía que tamén estará na cidade por vez primeira, Producciones Sexpeare, que presenta Sexpearamente o día 30. En decembro chega a Santiago a compañía La Fila de al Lado coa obra El chico de la última fila, de Juan Mayorga, dirixida por Víctor Velasco. A obra foi Premio do Público no Festival Don Quijote (París 2012), Premio do Xurado na Feria de Huesca 2012 e Premio ADE ao Mellor Director Xoven 2012. E para pechar a programación do Teatro Principal neste 2012 teremos a nova producción de Teatro do Atlántico, A charca inútil, con texto de David Desola e dirixido por Xulio Lago. Será os días 13 e 14 de decembro.

No Auditorio de Galicia, e xa no Nadal, a compañía compostelá Pistacatro estreará o seu espectáculo de circo Impreuna, acción interior tras o éxito da versión de rúa que se puido ver na praza da Quintana dentro do festival Verán na rúa.

A Zona C acolle as propostas escénicas máis alternativas do programa e, tras a estrea do Guateque global Mornings de Blanca Cendán e Suso Alonso no mes de setembro, continuará a programación os días 10, 11 e 12 de outubro coa proposta de poesía expandida visor, de Antía Otero e Isaac Garabatos. Do mércores 16 ao domingo 20 e do mércores 23 ao domingo 27 de outubro, a compañía galega Lagarta, Lagarta estrea O país do Pato Donald, con Ernesto Chao e Rosa Álvarez, dirixidos por Xulio Lago. E xa en novembro, do 7 ao 10 e do 14 ao 17, Funboa Escénica ofrece a estrea absoluta de Sigue buscando.

Funboa Escénica ofrece outra proposta diferente no novo espazo teatral da cidade, a Sala Agustín Magán (no CSC de Santa Marta). Será xa esta mesma fin de semana, sábado 5 e domingo 6, con Oiseau Rebelle.

Documentos relacionados



Compartir: