CIDADE HISTÓRICA

Visto bo da Comisión Asesora do Casco Histórico á intervención para estabilizar o noiro da rúa de Betanzos

01/10/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, informou en rolda de prensa dos acordos adoptados na Comisión Asesora do Casco Histórico. Entre os mesmos destacou o visto bo ao proxecto de estabilización do noiro da parte traseira da rúa de Betanzos, unha área situada no ámbito do chamado perímetro azul.

María Pardo lembrou que a estabilización deste noiro é unha responsabilidade municipal en virtude dunha sentenza xudicial de 2012. "Non obstante –denunciou- nin en 2004, cando se outorgara a licenza de ocupación, nin en 2009, cando por decreto se lle obrigaba aos veciños a construír ese muro, se fixo ese aseguramento".

Nesta rúa producírase o derrubamento do dun noiro en xaneiro deste ano como consecuencia das choivas, que provocara mesmo que un vehículo quedara enterrado. Con carácter previo á redacción do proxecto retiráranse os entullos e limpárase a superficie. Agora poderá licitarse a obra deste muro.

Outros asuntos
Na mesma reunión da Comisión Asesora tamén se aprobou un modificado das obras en San Martiño Pinario, como consecuencia da aparición dunha estrutura de formigón baixo a cantería. O cambio supón unha redución do orzamento da obra en 4.000 euros.

Finalmente, abordouse a colocación dun rótulo na rúa de San Francisco. A concelleira referiuse á importancia de que este tipo de cuestións, como a rotulación e a cartelería no Casco Histórico, pasen agora pola Comisión. Neste sentido, valorou igualmente á entrada en vigor das sancións nesta materia.

Compartir: