TURISMO

O Santiago(é)Tapas 2013 encherá de petiscos a cidade durante o mes de novembro

27/09/2013 A VI edición do Santiago(é)Tapas celebrarase do 7 ao 24 de novembro. A concelleira de Turismo, Reyes Leis, asistiu á presentación do certame no Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostalería Compostela.

O concurso Santiago(é)Tapas é xa é unha cita de referencia neste tipo de certames. Ata o 11 de outubro, os establecementos de Santiago poderán apuntarse ao concurso con ata un máximo de 3 tapas que, nunha fase previa, pasarán por unha avaliación para asegurar a súa calidade e adaptación aos parámetros requiridos no certame.

Para o público, o Santiago(é)Tapas repetirá a súa mecánica habitual, que leva dado tan bos resultados. Os visitantes aos distintos locais poderán probar as tapas a un prezo único de 2 euros e, selando o seu Tapasporte, optarán a numerosos premios directos ao completar as distintas (é)tapas e sorteos. O seu pousavaso servirá como papeleta para votar a calidade do petisco.

O mapa de Santiago volverá dividirse en (é)tapas, roteiros nos que se agrupan os distintos locais participantes, segundo criterios de proximidade.

En total, hai seis premios distintos para os establecementos. O xurado profesional establecerá catro premios, ás tres mellores tapas e un á mellor tapa elaborada con conservas.

Pola súa banda, o público, cos seus votos nos pousavasos depositados nas urnas, será quen escolla a Tapa do Público e o Premio do Público (é)xcelente ao establecemento máis valorado como experiencia global de cliente. Ademais, a través da interacción nas redes sociais Twitter (@santiagoetapas) e Facebook (facebook.com/santiagoetapas) os internautas poderán optar a ser parte do xurado que decida os petiscos gañadores.

Coa finalidade de que os visitantes e turistas que se atopen na cidade nas datas do concurso tamén gocen del, o Tapasporte express será unha versión reducida e intensiva do Tapasporte.

Compartir: