CULTURA

Vinte e sete eventos diferentes dentro do programa Infantil & Familiar para o último trimestre deste ano

27/09/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou o programa do ciclo Infantil & Familiar para esta última parte do ano. En total son 27 eventos dos cales se ofrecerán 39 funcións en distintos lugares da cidade: Teatro Principal, Zona C, CGAC, Sede SGAE/Fundación Autor e Sala Agustín Magán no CSC de Santa Marta.

As propostas son de actividades infantís de todo tipo pensadas para gozar en familia: teatro infantil, funcións específicas de teatro para bebés, concertos, música clásica, contos musicais, combinacións de música e cinema e música, títeres e maxia. Os prezos dos eventos varían, e algúns incluso son de entrada libre. Na maioría dos que son de pago hai unha promoción de entrada familiar mediante a cal, si se mercan catro entradas, só se pagarán tres.

O máis próximo da programación son as actividades do Festival Internacional de Títeres, Galicreques, que se celebra dende o sábado 28 de setembro ata o 6 de outubro en diversos lugares da cidade e que xa foron presentadas especificamente con anterioridade. Este mesmo domingo 29 tamén dá inicio outra programación especial dentro deste ciclo, a que está enmarcada dentro das Xornadas de Música Contemporánea. Así, o domingo, ás 17:30 e ás 19:00 horas, os violinistas Florian e Daniel Vlashi ofrecen o concerto Os nenos e a música moderna, dúos para violín de Bartók e Berio na Zona C. Dentro da sección Concertos Familiares das Xornadas de Música Contemporánea teremos tamén á Orquestra do Espazo de Cámara da USC o domingo 20 de outubro e Música Práctica o domingo 27 de outubro, ambos no CGAC.

A Banda Municipal de Música será a protagonista de catro concertos familiares. O domingo 20 de outubro poderemos ver no CSC de Santa Marta Fantasía animada, música da Banda con proxección dalgúns dos filmes de Disney máis coñecidos. Os domingos 10 e 17 de novembro serán as datas nas que a Banda presente A comedia segundo Harold Lloyd, nesta ocasión no Teatro Principal. E xa en decembro, o domingo 22, poderemos gozar tamén no Principal co Conto de Nadal de Paula Carballeira, baseado nunha obra de Charles Dickens e acompañado tamén da Banda.

Os títeres son protagonistas tamén doutros eventos, e non só dos enmarcados en Galicreques. Trompicallo presenta Jiñol o sábado 30 de novembro e O día que chegou unha nube e choveu o domingo 1 de decembro, ambos na Zona C; e xa o 30 de decembro Osiño no Teatro Principal. En canto ao teatro, para bebés hai dúas propostas concretas: Viaxe a Dadá, de Teatro de Semente, os días 21 e 22 de decembro na Zona C; e Babs, de Baobab Teatro’, o 23 de decembro no Principal. E para os que xa deixaron de selo, a partir de 3 anos, teñen Na procura da canción perdida, de Producións Dispersas, no CSC de Santa Marta o 23 de novembro e, a partir de 5 anos, Caramuxo ofrece Mensaxe sen botella, o 26 de decembro no Teatro Principal.

Completan o programa un musical, Alicia en el país de las maravillas, de Tragaleguas Teatro, o sábado 19 de outubro; un concerto que une música e poesía, A miña primeira Rosalía, con María Manuela, Mini, Mero e Xiana Lastra, o 1 de novembro; e maxia co Mago Romarís, que ofrece Magia Potagia o 29 de decembro; os tres eventos no Teatro Principal.

Direcciones relacionadas



Compartir: