ALCALDÍA

O alcalde compostelán eloxia a capacidade de José Antonio Souto Paz para "recoñecer o pluralismo e alentar o consenso"

27/09/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu a homenaxe a José Antonio Souto Paz, coa descuberta da placa que dá nome á rúa de Pontepedriña que lembra a figura do que fora alcalde da primeira Corporación democrática de Santiago de Compostela. O ex rexedor (1979-1981) e a súa familia, xunto con outros concelleiros daquela primeira Corporación, participaron no acto.

Na súa intervención, Ángel Currás incluíu a José Antonio Souto Paz no grupo de "aquelas persoas cuxo recordo debe manterse na vida da cidade". Del dixo que "ten o mérito de ter asumido o goberno dun municipio nun tempo -de iniciática autonomía local- no que os entes locais aínda non podían satisfacer as aspiracións da comunidade veciñal coas mesmas garantías institucionais ou financeiras coas que hoxe contamos, o que facía enormemente difícil a xestión municipal".

Con todo, engadiu, o seu maior mérito "hai que buscalo na política, entendida como unha actividade necesaria, nobre e xenerosa". "Os case tres anos de alcaldía de José Antonio Souto Paz permítennos reivindicar a política como unha actividade civilizadora". Neste sentido, lembrou a súa capacidade para integrar no seu goberno a concelleiros situados nas "antípodas ideolóxicas" e valorou a súa capacidade para recoñecer o pluralismo e alentar o consenso.

O alcalde estendeu a homenaxe a José Antonio Souto Paz ao "conxunto de mulleres e homes que ocuparon os escanos daquel primeiro pleno municipal da democracia". Finalizou buscando a inspiración do homenaxeado para expresar o desexo de que "en tempos difíciles, necesitados de consensos, poidamos atopalos".

O homenaxeado agradeceu estas palabras e expresou a "honra" que para el supoñía darlle nome a unha rúa en Santiago. Souto Paz desexoulles aos veciños da rúa unha "feliz convivencia" e afirmou o seu desexo de ser "partícipe das súas inquedanzas".

Ademais do alcalde, dos membros da Corporación actual, doutras autoridades e do propio José Antonio Souto Paz, participaron no acto nove concelleiros daquela primeira Corporación democrática: Alejandro Amoedo Ruiz, Marcial Castro Guerra, Mari Luz Villaverde López, María del Carmen Iglesias Gacio, Santiago Sayáns Leal, Xerardo Estévez Fernández, Manuela Fragela Seoane, Luis Pasín Liñares e Francisco Torrente López.

José Antonio Souto Paz
José Antonio Souto Paz (Pontevedra, 1938) é doutor en Dereito e catedrático da Universidade. Foi alcalde entre 1979 e 1981, tras concorrer ás eleccións pola Unión de Centro Democrático (UCD). O primeiro alcalde democrático é lembrado como un exemplo de coherencia e responsabilidade política polos seus compañeiros de Corporación. Foi quen de presentar a dimisión o 3 de setembro de 1981, despois de que o Goberno central, nas mans da UCD de Calvo Sotelo, non cumprise a promesa de crear en Santiago o Real Padroado, que era agardado como unha ferramenta fundamental para poder desenvolver os proxectos importantes da cidade. É o único alcalde da Democracia que conta cunha rúa na cidade.

Ademais de alcalde de Santiago, ostentou os cargos de decano da Facultade de Dereito de Santiago, deputado nas Cortes e no Congreso, deputado da Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Madrid e asesor do Defensor do Pobo.

Documentos relacionados



Compartir: