PLENO

O Pleno aproba os cambios orzamentarios para destinar o remanente positivo a investimentos e pago de facturas pendentes

26/09/2013 O Pleno da Corporación, na súa sesión ordinaria de setembro, aprobou inicialmente varios expedientes de créditos extraordinarios e suplementos de crédito. Tratábase, fundamentalmente, de destinar o remanente de tesourería do exercicio 2012 a financiar investimentos e a pagar facturas pendentes.

Segundo indicou a concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, deste remanente de tesourería, destinaranse 628.000 euros para investimentos, dos que 560.000 serán para a redacción de proxectos para 2014 e á execución dalgúns proxectos xa en marcha. Outra parte dedicarase á execución de actuacións xa proxectadas.

A este crédito extraordinario súmase outro de 15.000 euros para a instalación de pasamáns en escaleiras e ramplas da cidade histórica. Tamén se habilitarán outras dúas partidas de investimento: unha de 23.000 euros para o acondicionamento exterior da ludoteca de Fontiñas e outra de 30.000 euros para obras no medio rural.

Do remanente de tesourería obtido en 2012, 1.890.310, a outra parte destinarase a saldar todas as facturas pendentes de exercicios anteriores. Á marxe deste remanente, entre as modificacións orzamentarias aprobadas destaca tamén a habilitación duns 280.000 para o servizo de extinción de incendios. Este punto saíu adiante co voto favorable do grupo de Goberno e co pronunciamento negativo de PSdeG-PSOE e BNG.

Conta xeral
Seguindo no ámbito orzamentario, aprobouse a conta xeral de 2012, cuxo principal índice é o remanente positivo xa citado, así como a redución do nivel de endebedamento, que se sitúa en 60,5 millóns de euros.

O resultado orzamentario foi positivo en 17.663.174 euros, fronte aos 6.013.631 euros de 2011, o que supón un incremento de 11.649.543 euros. Respecto ao endebedamento, quedou nos 60.535.557 euros, fronte aos 63.866.288 euros do exercicio 2011. Esta cifra tradúcese tamén na diminución do volume de endebedamento por habitante ata os 632,75 euros.

Outro datos salientable é que o período medio de pago a provedores pasou dos 142,77 en 2011 aos 73,84 días no exercicio 2012.

Urbanismo
En materia de urbanismo, aprobouse por unanimidade a adhesión do Concello ao código de boas prácticas para a instalación de infraestruturas de telefonía móbil, subscrito pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) coas compañías de telecomunicacións.

Segundo lembrou a concelleira de Urbanismo, María Pardo, a FEMP acompaña este código dunha ordenanza tipo, que será tomada como punto de partida para a elaboración da municipal. Tamén pon a disposición dos concellos o seu Servizo de Asesoramento Técnico Informático (SATI).

Igualmente por unanimidade, deuse o visto bo á modificación puntual número 2 do Plan especial de reforma interior de Vieiro, no ámbito da unidade de execución número 1. Outro cambio puntual, o do PXOM no ámbito do Plan parcial do SUNP-31 de San Marcos, recibiu o voto favorable do Goberno municipal, o desfavorable do grupo socialista e a abstención do grupo nacionalista. A modificación pretende cambiar a cualificación dunha superficie de aproveitamento hoteleiro polo aproveitamento residencial.

Seguridade do trazado ferroviario
No capítulo de proposicións, aprobouse por unanimidade dos tres grupos unha presentada polo BNG e emendada polo PP, pola que o Concello de Santiago "insta ao Ministerio de Fomento, ao ADIF e a RENFE á revisión inmediata das condicións das entradas ferroviarias a Santiago de Compostela e á implantación do sistema de seguridade máis axeitado ao trazado existente de entrada na cidade en función das conclusións que se deriven da investigación do accidente que se está a realizar".

Loita contra os incendios forestais
Tamén por unanimidade, aprobouse outra proposición do BNG, na que se indica que "o Concello de Santiago solicitará da Xunta de Galicia unha política agroforestal que pule pola reactivación socioeconómica do rural e fomente a multifuncionalidade do monte, promovendo a diversificación de especies forestais e de aproveitamentos do monte, así como medidas en favor dunha explotacion dos nosos montes de modo cooperativo".

Angrois na Gran Enciclopedia Galega
No turno de mocións, aprobouse por unanimidade unha do BNG solicitando a retirada da acepción pexorativa relativa a Angrois contida na Gran Enciclopedia Galega.

Defensa do Estatuto de Capitalidade
Finalmente, aprobouse co voto favorable do PP e coa abstención de PSdeG-PSOE e BNG unha moción presentada polos populares en defensa do Estatuto de Capitalidade. Rexéitanse as manifestacións relativas ao mesmo do alcalde vigués, Abel Caballero e ínstaselle a aceptar o Estatuto de Capitalidade da cidade de Santiago aprobado por unanimidade o Parlamento galego o 25 de xuño de 2002.

Compartir: