XUNTA DE GOBERNO

O día de San Xoán será festivo en 2014

26/09/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou os festivos para o ano 2014, que serán a Ascensión e o San Xoán. Ademais, deu o visto bo ao proxecto de mellora da mobilidade e da accesibilidade en Vista Alegre, a varias obras nos barrios e á rede de parques biosaudables nas parroquias.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, a elección de San Xoán como festivo en 2014 responde ao feito de que a festividade de San Roque caerá en sábado. Así, e co acordo unánime do Consello de Relacións Veciñais, adoptouse esta decisión, pola que serán festivos o 29 de maio, día da Ascensión, e o devandito 24 de xuño.

Urbanismo
En materia de Urbanismo, aprobouse o proxecto de mellora da mobilidade e accesibilidade do barrio de Vista Alegre, no que está previsto un investimento de 1,6 millóns de euros. Con esta ratificación do proxecto iníciase o expediente de contratación.

Seguindo con actuacións urbanísticas, adxudicáronse as obras incluídas no proxecto de corredor verde Bonaval-Almáciga. Esta primeira obra, destinada á creación dunha plataforma de xiro para o autobús, ten un importe de 31.822 euros. O proxecto de mellora da mobilidade e accesibilidade na Almáciga forma parte do Urbana Santiago Norte, iniciativa cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos FEDER.

Dende o Departamento de Urbanismo tamén se procedeu a encomendar á empresa municipal Incolsa a xestión da explotación e posta en funcionamento da cafetería do parque Eugenio Granell.

Obras
A Xunta de Goberno tamén aprobou outros tres proxectos do programa municipal de obras en zona urbana e suburbana. Trátase das actuacións no sector 21 (San Xoán de Afora – Romaño), por un importe de 79.793 euros; no sector 27 (Viso), por 76.239 euros; e nos sectores 30 e 40 (Vite e San Xoán), por un importe de 96.824 euros.

Medio Rural
Outro dos acordos foi o visto bo á rede de parques biosaudables no medio rural. Estes parques instalaranse nas 21 parroquias do rural, cun custo de 49.975 euros. Cada un dos parques contará con elementos para fortalecer a coordinación e mobilidade do tren inferior; para mellorar a coordinador e mobilidade e para tonificar a musculatura abdominal.

Educación
No ámbito educativo, autorizouse un ano máis o uso das instalacións do CEIP Apóstolo Santiago para un curso de preparación para obter o graduado en educación secundaria de adultos. A Fundación Radio ECCA imparte este curso, con clases presenciais os martes e xoves en horario de 19:30 a 21:30 horas.

Tamén se adxudicou a xestión do servizo de comedor e madrugadores, cun prezo de 3,31 euros por menú, se ben para as familias terá un custo de 2,96 euros. Fíxase o prezo cunha asignación de 950 comensais.

Emprego
A proposta da concelleira de Emprego, aprobáronse as bases da selección de beneficiarios das accións formativas do programa de cualificación profesional da iniciativa Urbana Santiago Norte, co obxecto de que a poboación activa da zona de actuación teña unha maneira de certificar a súa formación adquirida a través da experiencia profesional, achegando formación en competencias básicas, transversais e específicas. Estas actividades prevén a obtención de credenciais como a Tarxeta Europea de Habilidades Informáticas, a Tarxeta Laboral da Construción ou o Certificado de Operador de Carretillas.
Cultura

O Goberno local deu o visto bo a cinco convenios con entidades culturais, polos que recibirán unha subvención para as súas actividades neste ano 2013: Asociación Cultural Francisco Asorey (2.000 €), Asociación do Traxe Galego (3.835 €), Fundación Rosalía de Castro (3.835 €), Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque para 2013 (8.000 €) e Fundación Gonzalo Torrente Ballester (21.000 €).

Sanidade
Finalmente, aprobouse o convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Refuxio de Animais, polo que esta recibirá unha subvención de 143.350 euros para 2013.

Documentos relacionados



Compartir: