ALCALDÍA

Constituída a comisión interadministrativa do VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

25/09/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu á consitución da comisión interadministrativa con motivo do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela. O acto estivo presidido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

O pasado mes de outubro, a Xunta de Galicia solicitara que os actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago puideran acollerse aos incentivos fiscais establecidos na Lei 49/2002, de 23 de decembro, de Réxime Fiscal das Entidades sen Fins Lucrativos e dos Incentivos Fiscais ao Mecenado.

A solicitude tramitouse a través dunha emenda de adición ao articulado da Lei de Orzamentos Xerais do Estado na que se especificaba que os actos relacionados coa celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela terán a consideración de acontecemento de excepcional interese público. A duración do programa de apoio a este acontecemento abarca dende o día 1 de xullo de 2013 ata o día 30 de xuño de 2015.

O Consello de Ministros aprobou o día 30 de agosto deste ano a autorización para a creación da Comisión Interadministrativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco a Santiago, agora constituída e que está formada pola Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias, neste caso representada polo alcalde compostelán, Ángel Currás. Turismo de Galicia será o órgano encargado de organizar e levar a cabo os programas aprobados pola Comisión Interadministrativa.

As funcións que levará a cabo a Comisión serán as de aprobar os plans e programas de actividades específicas que poden dar lugar á aplicación dos citados beneficios fiscais; a certificación da adecuación dos gastos realizados aos obxectivos e plans do programa de apoio e a aprobación do logotipo do acontecemento e o seu manual de uso e aplicación. Tamén executará a captación de recursos para o financiamento dos programas proxectados pola Comisión Interadministrativa

Turismo de Galicia será o órgano encargado de organizar o evento e executar o programa de actuacións, directamente ou a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Tamén executará a captación de recursos para o financiamento dos programas proxectados pola Comisión Interadministrativa.

Beneficios fiscais
Esta comisión ten como fin dar cumprimento á devandita Disposición Adicional dos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2013, que outorga a consideración de Acontecemento de Excepcional Interese Público á celebración do VIII centenario. A celebración gozará dos máximos beneficios fiscais previstos na devandita lei e as empresas que coas súas achegas e patrocinios queiran acollerse aos beneficios fiscais, deducirán un 15% da cota íntegra do imposto de sociedades, entre outros impostos, ata o límite do 90% da doazón efectuada dos gastos de publicidade e propaganda. Ademais, prevense desgravacións fiscais de ata un 40% do Imposto de Sociedades polas doazóns e achegas que realicen.

Outras bonificacións salientables son as referidas as de ata o 95% das cotas do IAE e as dos impostos e taxas locais sobre as actividades e operacións relacionadas co evento.

A programación do VIII Centenario de San Francisco de Asís comezou o día 22 de agosto coa inauguración da exposición Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago, no palacio Bonacquisti de Asís. Unha peregrinación colectiva dende Asís a Santiago, numerosos congresos, eventos musicais e culturais, así como encontros vinculados coa temática xacobea converterán Santiago e Galicia no epicentro do turismo cultural.

Compartir: