ECONOMÍA

Concello e Cámara de Comercio fomentarán o espírito emprendedor entre os alumnos de secundaria e formación profesional

25/09/2013 A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago de Compostela asinaron un acordo de colaboración para a realización dun Programa de Dinamización e Fomento do Espírito Emprendedor no Ámbito Educativo. No acto de sinatura participaron a concelleira de Economía, Emprego, Comercio e Turismo, Reyes Leis, e o presidente cameral, Jesús Asorey.

Este convenio, vixente ata o 31 de decembro, ten por obxecto establecer unha colaboración para favorecer a formación dos máis novos na cultura do autoemprego e o emprendemento, difundindo os valores asociados ao espírito emprendedor, á creación de empresas e á mellora da xestión empresarial. Estas xornadas de fomento do espírito emprendedor na escola facilitarán o desenvolvemento de iniciativas dirixidas ao autoemprego, descubrindo e fomentando iniciativas empresariais que permitan mellorar e completar o tecido empresarial máis en concordancia coas novas estruturas tecnolóxicas e organizativas.

Estas iniciativas desenvolveranse nos colexios e institutos do termo municipal de Santiago, con alumnos de educación secundaria e formación profesional. Celebraranse charlas divulgativas nos centros escolares e visitas guiadas ao viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, situado no polígono de Costa Vella.

Con estas actividades, a Cámara e o Concello queren achegar os alumnos ao mundo empresarial, amosarlles o autoemprego como unha opción laboral viable e explicarlles as vantaxes e inconvenientes de traballar tanto por conta propia como allea. No groso das futuras charlas, dunha hora e media de duración, e das visitas guiadas ao viveiro empresarial durante dúas horas, tocaranse temas básicos do universo empresarial, coma o nacemento dunha empresa, as formas xurídicas que a rexen ou os recursos dos que dispón un emprendedor para levar adiante a súa proposta mercantil, entre outros.

Dende a Cámara de Comercio asegúrase que entre os obxectivos da educación ten que estar sempre presente o fomento da calidades persoais que constitúen a base do espírito emprendedor: a creatividade, a iniciativa, a responsabilidade, a capacidade de afrontar riscos e a independencia ou autonomía no traballo. A finalidade destas xornadas é contribuír ao desenvolvemento destas calidades persoais dende idades temperás; fomentar as iniciativas emprendedoras dende o ámbito educativo, potenciar os valores empresariais e informar, sensibilizar e transmitir a opción do autoemprego como unha alternativa digna e viable.

Visitas ao viveiro empresarial
As visitas guiadas ao viveiro de empresas permiten ao alumnado coñecer de primeira man o funcionamento da incubadora empresarial e os servizos que a Cámara de Comercio presta aos emprendedores e empresarios da demarcación cameral. Para pechar estas visitas, os alumnos asisten a unha charla sobre a experiencia profesional e vital dalgún emprendedor situado no viveiro de Costa Vella.

As xornadas de fomento do espírito emprendedor que se realizarán co apoio do Concello de Santiago son:

- Un grupo de 30 estudantes universitarios e de formación profesional visitarán o viveiro de empresas de Costa Vella, o venres 27 de setembro, ás 12:00 horas, dentro dunha xornada sobre a creatividade para a empregabilidade da Dirección Xeral de Xuventude. A empresa Wayna Consultora, situada na incubadora virtual de Costa Vella, explicará a este grupo de estudantes como se inicia un proxecto emprendedor e o seu caso particular. Trátase dunha empresa de consultoría artesanal especializada en proxectos de índole social para lograr unha exitosa xestión dos cambios que se producen día a día nas organizacións.

- Un grupo de 30 alumnos do Curso de Xestión Contable e Xestión Administrativa y Asistencia á Dirección do Concello de Santiago visitarán o luns 30 de setembro, ás 12:00 horas, as instalacións da incubadora empresarial. Nesta ocasión, será a empresa Sos Cliente a que realizará a presentación. É unha firma que fai uso das tecnoloxías QR Codes, Smartphone e Tablets para crear un servizo de atención ao cliente para que as empresas interesadas poidan coñecer as opinións, queixas e suxestións de forma privada e instantánea para dar respostas rápidas e personalizadas.

Compartir: