TURISMO

As pernoctacións creceron un 10,3% en Santiago no mes de agosto

25/09/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, valorou positivamente os datos de pernoctacións que se produciron nos meses centrais do verán na cidade. Apuntou que o número de pernoctacións en Santiago viviu un crecemento importante durante o mes de agosto, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). A cidade alcanzou as 162.296 pernoctacións, o que representa un crecemento do 10,3% respecto do mes de agosto do 2012. Trátase do terceiro mellor mes de agosto da serie histórica do INE que comeza no 2005, só superado polos meses de agosto do Ano Santo Compostelán 2010 e do 2009.

Reyes Leis apuntou que o crecemento de agosto apoiouse tanto no aumento no número de pernoctacións domésticas coma de pernoctacións internacionais, que no 2013 continúan alcanzando as mellores cifras da historia na cidade. No mes de agosto houbo 104.717 pernoctacións de turistas españois en Santiago, que representan un aumento do 14% respecto do mes de agosto de 2012. Trátase dun dato moi importante para a cidade, posto que consolida a recuperación do turismo doméstico que xa se produciu no mes de xullo, cando as pernoctacións domésticas aumentaron un 13,1%.

Pola súa banda, o turismo internacional continuou consolidando o seu crecemento en Santiago. No mes de agosto houbo 57.579 pernoctacións internacionais, un 4,2% máis que no mes de agosto de 2012. Deste xeito, segundo apuntou Reyes Leis, o turismo internacional continúa crecendo con forza respecto ao ano 2012, que xa fora o mellor da historia no número de pernoctacións foráneas na cidade. No acumulado anual, as pernoctacións de turistas internacionais alcanzan xa as 306.400, que representan un aumento do 10,8% respecto aos primeiros oito meses do ano 2012.

Os bos datos dos meses centrais de verán tanto de turistas españois coma estranxeiros permitiron que entre xaneiro e agosto o número de pernoctacións totais na cidade chegase ás 758.879, que representan un crecemento do 6,2% respecto ás 714.672 do mesmo período do ano 2012, de tal xeito que o 2013 parece que está marcando un punto de inflexión respecto ás baixadas dos anos 2012 e 2011 como consecuencia da crise económica española.

Reyes Leis apuntou que os datos do INE dos meses centrais do verán avalan tanto a estratexia de promoción que se ven facendo dende Turismo de Santiago no último par de anos como as previsións que se fixeron dende a empresa municipal, que presentou a propia concelleira o pasado 27 de xuño. Reyes Leis estimaba que o turismo internacional continuaría crecendo durante o verán dun xeito importante e lembrou o plan de promoción internacional da empresa pública, que incluía accións nos principais mercados para a cidade: Alemaña, Italia, Francia e Reino Unido, pero tamén noutros mercados considerados oportunidades e que están a vivir un crecemento relevante: EEUU, Xapón, Rusia, Irlanda, Bélxica ou Noruega.

A concelleira tamén apuntou que no verán de 2013 podía deterse a tendencia á baixa do turismo doméstico, que no mes de xaneiro deste ano viviu o seu primeiro mes de crecemento, despois de 24 meses de caídas continuadas, entre xaneiro do 2011 e decembro do 2012. No mes de xullo o crecemento do turismo doméstico foi do 13,1% e no mes de agosto do 14%, de tal xeito que se pode considerar que, polo menos no verán, efectivamente se detivo esta tendencia á baixa.

Documentos relacionados



Compartir: